María Reimóndez gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

Desde La Voz de Galicia:
“Abusos sexuais, corrupción política, denuncia social, conflitos psicolóxicos, intriga, tensión desde a ollada dunha muller… E todo iso nun escenario de máxima actualidade narrado cun pulso narrativo moi áxil. Estes son os ingredientes de A dúbida, a obra da escritora e tradutora lucense María Reimóndez que resultou gañadora na decimocuarta edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que se outorgou onte no transcurso dunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, que contou con unha ampla e variada representación da cultura galega.
O xurado do galardón, que está patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, acordou designar a obra gañadora por un resultado de sete votos a favor fronte a dous. A acta destaca o «ritmo áxil da novela, a profundidade do conflito psicolóxico e a sutileza coa que trata temas de actualidade, como os abusos sexuais e a corrupción política».
Como finalistas do premio quedaron as obras presentadas baixo os títulos O faro escuro e A pena das Calandras. Son dúas propostas das que o xurado tamén valorou a súa calidade.
É unha das poucas veces que un autor gaña un mesmo ano dous dos premios literarios máis importantes convocados en Galicia, como é o caso da Novela por Entregas e o Xerais. (…)
En A dúbida, a autora fai uso da súa mestría narrativa para presentar un relato de máxima actualidade que conta con todos os ingredientes necesarios para enganchar a atención do lector e manter o seu interese durante os 31 días en que se presentarán as distintas entregas nas páxinas do xornal. (…)”