Entrevista a Ramón Neto na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (PC): Que supõe para ti a poesia/literatura?
– Ramón Neto (RN): A poesía, e a literatura en xeral, supón unha forma de interiorizar pensamentos, emocións, vivir a través das vivencias dos outros, ver as cousas desde outras perspectivas e motivar cuestionamentos. No que respecta á escrita, o que a poesía me aporta varía dependendo da obra na que estea a traballar. Mais, tentando xeneralizar, diría que entendo a poesía como unha maneira de comunicar que fica sempre en suspenso, gardando sempre unha certa actualidade. A voz do poema, independentemente de cando teña sido escrito, garda o alento da palabra que vén de ser pronunciada. Igualmente é o poema unha encrucillada de posíbeis significados que poden revelarse como aparentemente contraditorios sen ser excluíntes. A poesía, mesmo mantendo un ton coloquial e reflectindo a oralidade da lingua, non deixa de ser esa linguaxe rara, esa forma inhabitual de aludir ao cotián ou ao imaxinario; un medio que permite renovar constantemente a maneira na que nos referimos ás cousas. E pode, e mesmo creo que debe ser tamén, un modo de filtrar emocións e experiencias que non son nosas, de meterse na pel dos outros. Por iso mesmo, a poesía pode tamén ser un xogo, un entretemento; e cando se volve retranqueira, o sarcasmo pode axudar a darlle a volta ao xeito de ver as cousas. Mais, finalmente, o que talvez a poesía verdadeiramente sexa, é a arte de non dicilo todo, de deixar espazos abertos para que sexa o lector quen os complete a través de lectura.
– PC: Como entendes o processo de criação artística?
– RN: O proceso de creación acostuma traducirse nunha especie ruxerruxe interno, de fluxo mental, que funciona nalgún lado do maxín en paralelo a todo o que fago na vida cotiá. Sobre todo nos momentos nos que a creación dun poemario vai collendo corpo, acaba sendo o calidoscopio a través do cal vou observando as cousas. Así, ese mesmo proceso vaise nutrindo do que acontece diante dos meu ollos e das vivencias que outras persoas teñen a ben compartir comigo.
Despois está o traballo de revisión. Mesmo se ao final un texto pode practicamente non sufrir cambios, gústame deixalo repousar antes de dalo por bo; e se é preciso modificalo, ter a ocasión de facelo en frío. Concordo co que afirma Manuel Álvarez Torneiro nunha recente entrevista: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”. (…)”