Desde Galicia Confidencial:
“”O gran drama do galego será dentro de 20 anos, cando os lectores que están a desaparecer neste momento sexan adultos porque se está rompendo a transmisión do galego aos máis novos”. Foi a seria advertencia que fixo o escritor Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Durante a súa participación esta fin de semana en Barcelona nun encontro da Federación Galeusca coa lema este 2014 A profesionalización do oficio de escribir e traducir, con quen acudiu acompañado polas escritoras Ledicia Costas ou Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez apostou pola transmisión desta lingua aos máis novos.
Tamén, por un apoio máis forte cara á industria cultural en alego.”A nosa necesidade de ter unha industria cultural máis sólida con máis apoio institucional é sobre todo que non diminúan os lectores, o uso do galego, os consumidores, como está a ocorrer coa literatura en galego”, advertiu.
Neste sentido, contrapuxo a situación de País Vasco ou Cataluña, cun aumento da poboación lectora debido a un maior uso do idioma, mentres que en Galicia os lectores infantís diminúen “dramaticamente” porque “o uso do galego no ensino diminúe pola lexislación actual”.
Diminúe o uso do galego, baixan os lectores, empobrécese a industria cultural e os escritores profesionais. É o proceso ao que se verá abocado o panorama literario en galego para o presidente da AELG, a pesar de que os galegos son os escritores de “máis éxito” no mundo editorial infantil e xuvenil”, dixo.
Sánchez Iglesias recoñece que esta lingua está moi ben situada actualmente en canto ao seu uso nas redes sociais, onde ocupa, segundo a Xunta, o posto número 26 do mundo, pero engade que “unha cousa é o que está a pasar cos escritores que teñen 30 anos e foron alumnos da normalización do galego, e outra a dos alumnos de agora que non teñen nin terán en 20 anos”, alertou.
Tamén incidiu nas dificultades dos escritores que decidiron escribir en galego. “Para que unha literatura sexa normal ten que haber cada vez máis escritores que dediquen máis tempo de maneira exclusiva á literatura, algo que a curto prazo en Galicia non é posible porque un escritor profesional vive de escribir, pero non necesariamente de escribir literatura”, dixo.
“Nós temos unha variable que é que non vivimos profesionalmente da literatura pero dedicámonos profesionalmente a ela, pois en Galicia os escritores teñen outras formas de acceso a un salario, como son as colaboracións xornalísticas ou as traducións”, sinalou.
Así, puntualizou que a súa subsistencia ten máis que ver coa industria editorial e, por iso, demandou un sector “sólido” que permita que “cada vez haxa máis espazos de profesionalización”.
Durante o encontro, a Federación Galeusca, integrada pola Asociación de Escritores en Lingua Catalá (AELC), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Euskal Idazleen Elkartea (EIE), presentou o estudo CoNCA 36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura.
Segundo o presidente da AELG, o 15 % dos escritores en Cataluña son profesionais e están dados de alta como tales, fronte aos “dous ou tres profesionais da literatura que hai en Galicia”.”