Desde Sermos Galiza:
“Begoña Caamaño faleceu esta segunda feira no Hospital Clínico de Compostela após loitar durante tres anos contra o cancro. (…)
De profesión xornalista, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo -a súa cidade natal- e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural da súa amiga e tamén escritora Ana Romaní.
No ámbito literario presentouse “de maneira serodia”, como ela dicía, máis con intensidade e cunha voz propia que a levaba a revisitar en clave feminista e contemporánea os mitos clásicos. Fuxía da actualidade, comentaba, aquela que a desesperaba na súa faceta de xornalista. “Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder. Trátase de reivindicar a responsabilidade. Eu non vivo soa no mundo, o que fago, desde o propio consumo cotiá, ten consecuencias, tamén para outras persoas e diso teño que ser consciente”, comentaba.
“Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@”, defendía Begoña Caamaño, da súa maneira activista de situarse no mundo. (…)”
Mañá, martes 28 de outubro, ás 15.00 h., terá lugar un acto de despedida no tanatorio compostelán de Boisaca.