Palabra de escritora: entrevista a María Solar

Entrevista María Solara María Solar no blogue Lingua de Alcaián do IES Coristanco:
“(…) – Lingua de Alcaián (LA): Que te levou a escoller esta temática para escribir As meigas de Lupa?
– María Solar (MS): Quería escribir un libro para nenos como a miña filla, que é máis ou menos da vosa idade, que fose de aventuras, e que recuperara as lendas fermosísimas que temos en Galicia como as meigas ou a historia da raíña Lupa que é marabillosa. Parecíame unha pena que todos os rapaces souberan como é Hogwarts e descoñeceran que existe o Pico Sacro, coas súas covas onde dicían que se movía a raiña Lupa. Así que me pareceu boa idea escribir unha historia actual pero que tamén contara (e mesmo continuara) a lenda da raíña Lupa, ou as lendas das meigas chuchonas, as damas do castro e tantas outras e que de paso, contara como vivían os castrexos, pero todo como unha aventura divertida. (…)
– LA: Esta novela vén acompañada dunha banda sonora, que supuxo para ti esta recreación musical?
– MS: Foi, posiblemente, o máis fermoso que me ten pasado cun libro. Un bo día, un compositor de música de cine que non coñecía persoalmente, David Alonso Garzón, envioume as cancións, simplemente dicíndome que lera o libro, que se criara na zona do Pico Sacro oíndolle á súa avoa esas lendas da Raiña Lupa, e que lle inspirara esa música. Cando as escoitei, caéronme as bágoas de emoción porque era auténtica música de cine. Música que recreaba distintos momentos do libro. A chegada dos nenos coa avoa; os discípulos traendo o corpo; Ebura; o soño da raiña Lupa; ou a loita das meigas no castelo subterraneo, e cando as escoitas imaxínaste exactamente iso.
Foi marabilloso inspirar algo tan fermoso.
E despois aínda naceu o audiovisual coa participación de 20 actores de Achádego Teatro de Lugo, e unha exposición. Foi incrible.
– LA: Que che reportou esta novela como escritora?
– MS: Aportoume moitísimo, primeiro porque aprendín moito do oficio de escritora escribíndoa, despois pola boa acollida que tivo cos rapaces que fai que xa leve tres edicións, e logo, por todo o que vos veño de contar de como medrou coa música, o audiovisual, unha web e unha exposición que non fixen eu, fixeron eles inspirándose no libro. (…)”