Entrevista de César Lorenzo Gil a Rosa Aneiros en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A resposta dos lectores da triloxía [Ámote Leo A.] foi excepcional. O personaxe de Leo tamén callou neles. Como viviu esta experiencia paraliteraria? Pode ser que estas sensacións só se vivan no contexto do libro infantil e xuvenil?
– Rosa Aneiros (RA): Coido que cada obra ten a súa propia resposta. Cando publiquei Resistencia (Xerais) sorprendinme da reacción da xente que lía a historia. Coido que no caso de Leo A. esa resposta foi máis entusiasta, máis espontánea. Neste tempo tamén é máis visible porque se sustenta nas redes sociais, especialmente o facebook e o twitter. E desta volta volvinme sorprender ao ver chíos con citas dos libros, fotografías baseadas nos personaxes… Foi moi gratificante recuperar esa sensación que eu tiña con 14 anos de que todo era posible, de que a vida era unha páxina en branco e podiamos aspirar a todo. Eu son xornalista de profesión. Como observadora da realidade, dáme moita mágoa esta especie de determinismo gris que se bota enriba da mocidade: habedes estudar para nada, para emigrar ou para estardes no paro. O mellor que vos pode pasar será terdes un traballo precario. Pois non. Hai que cultivar a esperanza, o espírito crítico. Un dos motivos de escribir esta historia é tamén reaccionar a un tipo de literatura para mozos baseada en experiencias acríticas. Vou dar un nome: Federico Moccia. Ese tipo de libros móstranos unha forma de vivir contraria ao que debe ser a xuventude. Por iso os personaxes da miña triloxía son valentes, son arriscados, son diferentes. Porque esa actitude non a debemos perder nunca, especialmente cando empezamos a vida adulta. (…)
– B: Explíqueme como funciona o proceso de creación no seu caso.
– RA: Onde primeiro escribo é na cabeza. Teño moitas historias circulando pola mente; vounas agrandando na primeira fase sen escribir nin unha liña, nin unha nota. Vou camiñando e vou pensando en tal ou cal momento da acción; quedo no parque coa miña nena de dous anos e perfilo este ou aquel personaxe. Só cando a historia está amadurecida é que me poño a contala. E aí empeza outro proceso porque todo aquilo que pensara moitas veces acaba esborrallado. Gústame escribir porque é escribindo que constrúo o relato. É a medida que vou construíndo a historia que os personaxes, as escenas, os conflitos van collendo corpo, vanse desvelando a medida que os creo. Iso paréceme fascinante. Pero tamén hei recoñecer que me custa pórme a escribir porque preciso que o relato estea pronto e me pida saír. (…)
– B: E paradoxalmente, tal e como explicaba Fran Alonso tamén en Biosbardia, nunca tantos escritores profesionais houbo en Galicia, considerando profesionais persoas sen emprego que ocupan as horas de cada día facendo literatura. Non pode haber overbooking de orixinais dentro dun tempo?
– RA: Non creo. A conxuntura editorial é moi dinámica. Absorbe moitos textos. Mentres uns publican os outros escriben. Uns empezan unha novela, outros toman un descanso logo de varios anos dedicándose á literatura. É bo que haxa relevo, é bo que haxa talento trabalando. E esta situación, teño que dicir, vívoa cunha mestura de sentimentos. É dramático que tantos xornalistas que saben escribir tan ben hoxe non estean redactando reportaxes e entrevistas na prensa, que non teñan onde amosar ese talento. E é dramático porque vivimos un tempo que hai que contar e quizais os que o deberían contar ou ben están no paro ou ben están abafados nas redaccións con ocupacións sen importancia por culpa da precariedade ou das axendas dos medios. Pero ao mesmo tempo coido que vai quedar testemuño literario desta época mediante esas obras que se están a escribir. No futuro seguramente leremos a Diego Ameixeiras para entender que pasou na Galicia deste momento. E coido que ese diálogo dos novos escritores coa realidade vai atraer novos lectores que habitualmente non lían en galego. Así que malia ser unha situación que me pon triste, por outro lado dáme moita alegría. (…)”