Fran Alonso: “Hoxe hai espazo para unha nova editorial de narrativa galega”

EntrevistaFran Alonso 2 a Fran Alonso en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Silencio conta a historia dun xornalista galego que perde o seu traballo porque incomodou o poder. Na rutina de desempregado no seu piso de Madrid empeza a vivir uns sucesos estraños que ao lector nunca lle queda claro se son reais ou produto da súa fantasía. Que quería vostede escribir, unha historia sobre a depresión, sobre a situación do desemprego…?
– Fran Alonso (FA): A historia nace dunha anécdota. Hai anos, logo dunha viaxe por África, parei unha noite na casa do meu irmán en Madrid. Eu estaba baldado e funme deitar. Espertoume o ring-ring dun teléfono. Erguinme somnolento. Non había ninguén na casa. O teléfono seguía a tocar. Mais ao chegar ao moble do aparello decateime de que non era alí que soaba senón noutro piso. Ese intre pareceume moi interesante desde o punto literario.
En canto ao obxectivo, hai que lembrar que a difícil situación dos xornalistas é algo consubstancial á crise do 2008; cando escribín tiña máis na mente a dificultade de exercer a profesión nun ambiente onde os poderosos controlan os medios de comunicación; a obriga do autoexilio con todo o que supón. Ese podemos dicir que é a ponla social do libro. A ponla máis literaria pasaba por construír unha historia de terror cotián. Hoxe en día xa non podemos escribir sobre terror irracional porque os lectores xa non cren en cousas que teñen unha explicación científica. Mais si que segue a inquietar o terror doméstico, o que non precisa nin de fantasmas nin de psicofonías para atormentarnos. O terror que hoxe dá realmente medo é o que somete o lector aos impulsos psicópatas da cotidianidade; o medo que todos temos a que alguén nos queira facer a vida imposible. (…)
– B: En que modalidade se sente máis cómodo: novela, relato, poesía?
– FA: Gústame escribir en todos os casos. Si recoñezo que o máis difícil para min é facer poesía pero non por iso deixo de sentir pracer cando a escribo. De todos os xeitos, intento desfrutar con todo o relacionado co acto de crear, non só co exclusivamente literario.
– B: É vostede un escritor metódico ou crea por impulsos?
– FA: Son moi caótico e case sempre traballo en varios proxectos a un tempo. Só cando estou nunha fase avanzada dun texto, concentro toda a miña atención nel. O escritor necesita contar con moito tempo neste oficio, mais non só para escribir senón para aqueles labores relacionados pero non propiamente literarios: preparar entrevistas, conversas, presentacións… Cando un pensa –desde fóra– no traballo de escribir non imaxina as horas que consomen estoutras tarefas. (…)
– B: Vivimos nun momento de suposto cambio de paradigma literario. Mais as profecías que falaban do final do libro en papel non acaban de cumprirse. Cal é a súa opinión a este respecto?
– FA: Con certeza, o cambio é máis lento do que quizais pensabamos hai anos. Mais penso que gran parte da culpa desa ralentización nace da crise. Primeiro porque se hai menos diñeiro lese menos e segundo porque os aparellos de lectura electrónica non son baratos. Mais con todas as reservas, penso que o cambio é inevitable. No futuro (e non vou dar prazos porque sería inxenuo) a maioría do que leamos estará en soporte dixital. E iso non significa nada en canto aos textos, xa que o importante é o contido, non o recipiente. Non penso en que o papel desapareza. Sobrevivirá e especializarase. Quizais para textos onde o soporte teña importancia ou parte do seu valor estea na artesanía da confección do propio obxecto. (…)”