Desde Sermos Galiza:
“(…) Na mostra Do papel ao xesto do Culturgal participa Teresa Búa (Muxía, 1991) unha artista que realiza unha “interpretación gráfica” por así dicilo, pero que vai máis alá baseándose nun poemario de Rosalía Fernández Rial. A combinación da poesía coa obra plástica de Teresa consegue mirar e entender o que nos contan dunha maneira máis intimista e nova. É grato ler relatos e sentirmos identificados, ou sentir conexión cun tema musical cando o escoitamos. “É que me aconteceu algo parecido…” di algún. “É que esa personaxe é tal cal…” (…) din outros.
A creatividade da artista non ten acotacións nin tenta traducir a poesía de Rosalía, mais a forza do poema é elevada á máxima potencia se observamos a imaxinería que compon Teresa ao redor do libro Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas 2014) como tema de partida. A artista recolle a estética do fragmento e do mundo surrealista. A collage e a fotografía que xa facía Búa nos seus traballos anteriores adáptase á perfección co esquema dun poema. Anacos inconexos ás veces, libres de interpretar por cada quen.
“É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca…” di Rosalía a autora dos poemas, que viu na obra de Teresa unha simboloxía axeitada ao seu pensamento poético.
Fai entón a artista unha peza instalativa: postais, gravados, collages fotográficas utilizando diversas cámaras (estenopeicas, dixitais, analóxicas…). Na identificación máis esixente co poema, pasa a ser ela a propia protagonista, con obras de tipo performance como na serie “Acercándome” (collage dixital), onde semella que a liña da carreteira divide o corpo de Teresa de forma simétrica. Dous ollares persoais en diferentes linguaxes. Nas palabras da artista:
“Ao acabar a representación do poemario reuninme con Rosalía Fernández e as súas palabras foron gratificantes: “Vexo os meus poemas un a un expresados na túa obra, eu fixen os escritos e ti traducíchelos graficamente!” Supoño que é un dato a destacar xa que ninguén mellor que ela coñece a súa obra, pero agora xa somos dúas. A colaboración foi frutífera.“ (…)”