Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Emma Pedreira:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia (algúns chamaranno cabezonería).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que perduren no tempo e na distancia.
4.– A súa principal eiva?
– Agardar demasiado de todo e de todos, a esixencia até comigo mesma.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escoitar todo o que me arrodea.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que os meus seres queridos estean ben é a maior das tranquilidades, e a tranquilidade é a felicidade para min.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A soidade non desexada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Nómade e escritora de viaxes.
9.– En que país desexaría vivir?
– Son de frío, de chuvia e grises, así que calquera altitude norte chámame desde a súa paisaxe, a súa cultura e o seu carácter. Irlanda e o Reino Unido, sobre todo, teñen especial magnetismo sobre min.
10.– A súa cor favorita?
– Violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A caléndula.
12.– O paxaro que prefire?
– A pega.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Joyce e Faulkner.
14.– E na poesía?
– Gamoneda.
15.– Un libro?
– Dous: Ulises de Joyce e Antoloxía de Spoon River de Edgar Lee Masters.
16.– Un heroe de ficción?
– Hamlet, Tristram Shandy e Fanto Fantini.
17.– Unha heroína?
– Frida Kahlo, aínda non sendo un personaxe de ficción, o seu carácter e a súa vida teñen pasado a fronteira do real.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que me provoque unha sensación de benestar segundo o momento. Dende a clásica até o folk, pasando polo indie e o brit pop dos 80 e 90. O que non son nada é de ritmos comerciais nin de letras pegañentas e baleiras.
19.– Na pintura?
– Durero.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Son máis de mitos que de heroes xa que as heroicidades actuais teñen moito de argucia narrativa, de propaganda. De elixir, quédome cos heroes anónimos, aqueles que coidaron do benestar de algo ou de alguén loitando contra as forzas en contra e fixeron algo bo, sen tirarlle proveito.
21.– O seu nome favorito?
– Os das miñas fillas, Sara e Leila.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A imposición de criterios, consellos e opinións, sobre todo se se fai desde a soberbia.
23.– O que máis odia?
– Calquera tipo de violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Un cento delas, abrángueas todas o termo “ditador”.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada que teña que ver co militar, agás os poemas de Wilfred Owen e Siegfried Sassoon.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O atrevemento, a iniciativa.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De maneira rápida (e manchando pouco).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sempre alerta para captalo todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de serie coa ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Veña, non é para tanto, xa pasará.”