De quen nos acompaña, para Marga do Val

DesdeA Sega A Sega:
En memoria de Alexander Schmuck e para Marga do Val
Igual que hai quen pensa que segar é unha actividade do animal, do irracional e do bruto, tamén hai quen pensa que a crítica literaria é unha actividade «obxectiva», «aséptica» e que acontece no baleiro emocional e humano. Adoito sentimos falar da crítica literaria como profesional sempre e cando deixe de lado os afectos. O profesional enténdese como o antagónico das relacións de amizade, de coñecerse, do amor, que se resumen a unha serie de «interferencias» na suposta obxectividade crítica. Non hai nada máis tipicamente patriarcal que ignorar os afectos. Porque nada existe fóra deles, do emocional, e negalos é tan fútil como perigoso e inhumano.
Ás veces, para desmontar este tipo de cousas, unha ten que empezar polo máis básico e político, polo persoal. Ese espazo onde hai quen fana e tira pedras, onde hai quen ameaza e amordaza. Mais tamén quen dá a man e a luz do sol. Como mulleres é nese espazo onde se negocian os primeiros activismos que logo poden traducirse nos demais. Onde podemos coller folgos, sacar os tempos, pensar nas liñas de cada recensión, a enerxía para atoparnos, coidarnos e querernos. Porque, non o podemos negar, exercer calquera tipo de activismo, da crítica entendida dende a solidariedade feminista, implica comer horas a outras cousas, implica investimentos emocionais que non sempre son ben pagos. Mais con que sexan pagos algunha ca outra vez, xa compensa.
Por veces eses pagamentos fanse en espazos que son coma alfaias, en persoas irrepetibles, xenerosas e discretas, compañeiras, que nos acubillan, que fan súas as nosas angueiras sen fagocitarnos no proceso, que son quen de poñerse ao noso carón e facernos crecer, xermolar, nós propias pero acompañadas. Alexander Schmuck, como o seu propio apelido indica, foi unha desas alfaias. Un compoñente da comunidade da Sega nos afectos, unha desas persoas que coa súa xenerosidade nos axudan a camiñar mentres outr@s ladran, que ocupan o noso día a día, o doméstico, as chamadas telefónicas, a acollida. Hoxe na Sega lembramos a Alexander Schmuck como o fogar xeneroso da nosa compañeira Marga do Val e do pequeno Tamiru. Hoxe lembramos o seu amor pola nosa lingua, mais tamén o seu respecto polos espazos, a súa acollida. Hoxe nosoutras segadoras, compañeiras de Marga do Val e de Tamiru asumimos o compromiso de seguir creando a rede, man a man, dese espazo que non coñece lindes nin marcos, que acolle sen fronteiras, como el viviu e tentar continualo para que siga sendo o mundo un lugar habitable para Marga e Tamiru. Para que nin sequera a morte sexa quen de desfacer os lugares de acollida que con tanto afecto persoas como Alexander foron quen de crear.

A Sega.”