Francisco Castro: “O escritor ten que aspirar a ser un clásico, a transcender o seu tempo”

EntrevistaFrancisco Castro de Carme Vidal a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En Tes ata as 10 percíbese a intención do autor de amarrar na lectura.
– Francisco Castro (FC): É unha novela que, ademais de pretender contar moitas cousas, quere atrapar, reivindicar o pracer da lectura, collerte moi forte e que continúes a ler, sorprendendo e dando reviravoltas argumentais.
– SG: A construción do misterio e a súa resolución obriga a afondar na estrutura da novela?
– FC: En toda a súa escrita tiven moi presente a arquitectura interna. Foi como xogar unha partida de póker na que ti controlas os ases que, ás veces, están debaixo da manga. Neste libro hai dúas cousas que fixen por vez primeira, escribir en primeira persoa que, sendo este o meu título 21 aínda nunca experimentara e do que me decatei cando puxen o punto e final e, en segundo lugar, é a primeira vez que escribo unha novela cun esquema ao lado, vixiando as tripas internas, con esa arquitectura que precisaba para conseguir ese efecto de atrapar coa intriga. Dalgunha maneira, neste libro está o que lin e o que escribín. É unha novela que lin e revisei catro, cinco, ou seis veces todas e cada unha das frases. Quería que tivese unha engranaxe que fora unha máquina de enganos, a sedución lectora. (…)
– SG: Vintecinco anos de escrita e vinteún libros deixan á vista unha grande paixón pola literatura.
– FC: Supoñen vida. Eu son literatura, son escrita, comunicación, a necesidade de dicir, de non calar nunca, de inventar. Estou certo de que se quedara inmobilizado estaría ditando historias. É unha pulsión. Os rapaces nos centros de ensino pregúntanme, por que escribes? Eu respondo dicindo que é un intento de comunicarme e transcender o tempo. Os creadores buscamos iso, comunicarnos cos nosos contemporáneos e transcender o tempo. Agardo que dentro de cen anos me poida comunicar con alguén a través da miña obra. (…)
– SG: Vostede é, nese sentido, dos escritores máis activos. Por que participa tanto de encontros en centros de ensino?
– FC: Doulle unha importancia fundamental á visita a centros escolares, clubes de lectura e demais espazos nos que se establece un contacto co lector. Nós non podemos ser como Hölderlin e pontificar, temos que enchouparnos na lama e facer pensar. (…)”