Ramón Caride: “A literatura galega ten grandes obras pero non unha novela de nivel de consumo con referentes propios”

EntrevistaRamón Caride de Montse Dopico a Ramón Caride en Praza:
“(…) – Praza (P): Dis neste libro [Flash Black 13] que o fantástico non é paralelo ao cotián, que non está por enriba nin por debaixo, senón conectado, tanxente. Por que?
– Ramón Caride (RC): Vivimos nunha dimensión de rutina, de monotonía. Pero iso sucede só no plano de aparencia. Cada persoa ten a súa percepción do mundo, e a fantasía é un modo de velo. Quero dicir, que de maiores perdemos o sentido da marabilla que teñen os nenos. Non nos decatamos de que todo é abraiante. Pois aos que conservamos esa certa inxenuidade da mirada, iso non nos pasa. E iso é a literatura fantástica: ver o que hai detrás. Porque o que nos contan da realidade é unha ficción, un invento. Que é a prima de risco? Ou a Troika? Iso é literatura, ficción, personificacións do que goberna a nosa vida. Pois a xente acepta eses mitos como se fosen realidades. E despois chócalle que alguén fale de mundos paralelos. Nun mundo no que, por exemplo, o diñeiro non é real, pois a economía é un número nun programa informático. (…)
– P: Hai tempo que se tenta facer literatura para todos os públicos e non só grandes obras. Mais tamén hai, na actualidade, un debate sobre a “normalización”. Hai que facer certos tipos de literatura para cubrir ocos?
– RC: Cada escritor ten que facer a literatura que quere e que lle sae. En calquera sitio, ten que haber literatura que funcione a varios niveis, e aquí temos, como dicía, grandes obras, pero non unha literatura de nivel de consumo con referentes propios. Da mesma maneira que precisamos un audiovisual máis potente con referentes galegos. O poder político bloquea esta forma de expresión, é verdade. O diñeiro público é movido por persoas cunha determinada orientación ideolóxica. O modelo da televisión é o Luar. Programas para xente maior, do rural… Unha serie como Matalobos non quixeron mantela porque falaba do narcotráfico e daba “mala imaxe”. A televisión debera ter programas que transmitan a idea de que o galego é unha lingua para todas as idades. Mais se a programación que hai á xente nova non lle di nada…
– P: Comentas que é máis fácil reeditar cousas de xénero negro que de literatura fantástica. Tamén porque o policial está un pouco como de moda, supoño. Mais é curioso o que dis, tendo en conta desde a tradición de relato fantástico ata Cunqueiro ou toda a literatura que agochou a crítica ao franquismo baixo o fantástico. Daquela, ser “realista” era unha rareza.
– RC: Xusto hoxe estou coa xente de Urco, que se gaña a vida editando literatura fantástica en galego. Para a xente nova, o fantástico é referente. Mira o cinema, que ben funciona nel a fantasía e a ciencia-ficción. Na literatura galega hai unha infravaloración do que non sexa realista. Se un libro fai socioloxía, ou fala da diglosia, ou da represión do 36… xa se valora máis, independentemente do seu valor literario. Fernando Cimadevila ten unha triloxía, a de Basilius Hoffman, que está funcionando moi ben coa xente nova. Pero como non é literatura realista non se lle dá moita importancia. Este tipo de libros están a atraer lectores para o galego, mais a crítica non se de decatou do que está a pasar. (…)
– P: Algo máis que queiras contar sobre Flash-Black 13?
– RC: É como un repertorio do fantástico. Recolle moitas liñas: ciencia-ficción, distopía que fai crítica social, terror… Falta o conto tradicional de medo. Son relatos eu creo que tecnicamente bos, de distintos estilos. Un libro variado, que fala da realidade de distintas maneiras.”