Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Noitábrega:
“(…) – Noitábrega (N): A súa obra No ventre do silencio retrata unha Galicia sumida nas tebras. Desapareceron esas tebras ou substituíronse?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Hai outras. Cada época ten a súa malicia. É como se me preguntas se me parece mellor o sistema do escravismo ou o actual. Contestareiche que mellor é o actual, pero ti podes pensar que no escravismo en Roma había escritores como Ovidio ou como Cicerón. Cada época ten as súas luces e as súas sombras. No ventre do Silencio o que quixen retratar era como vivían os estudantes, fundamentalmente de clase media, nunha universidade mesquiña como era a universidade de Santiago. Hoxe os rapaces universitarios gañan os premios de Física. Hai moitos que están en Xenebra traballando. Hai unha Galicia moitísimo máis preparada que naquel momento. (…)
– N: Por que o tema artúrico é tan recorrente nos escritores galegos?
– XLMF: Non é tanto como parece. Hai un libro de Cunqueiro que se chama Merlín e familia no que hai de todo menos Merlín (risas). Despois está un libro meu, Amor de Artur. Só teño un conto artúrico e teño que apandar con toda esa lenda de que teño literatura de Bretaña. De todas maneiras a min ese mundo interésame moito porque foi un modo de expresión da época medieval, paneuropea incluso. Hai o gran mito dun rei que non está morto senón durmido e que vai volver a liberarnos. (…)
– N: Que significou publicar co pseudónimo de Heriberto Bens?
– XLMF: Hai unha resposta que real e histórica e hai outra xa máis elaborada. A real é a seguinte, a min metéronme dous anos de cadea por unha novela que escribirá e non publicara pero que toparan na miña casa. E entón os amigos de Montevideo e camaradas da UPG publicaron un conxunto de poesías miñas e algunhas eran bastante explícitas co réxime e a súa denuncia. Polo tanto decidín publicalas con pseudónimo. Esta é a verdadeira. A máis elaborada é que se se crea un personaxe e ese personaxe escribe textos de algún poemas pois xa non é un co que se está escribindo e entón danlle unha certa distancia. Foi unha estratexia de defensa dunha denuncia e unha estratexia literaria. A teoría é de Pessoa e de Machado en parte, Pessoa inventa os heterónimos e os leva ata o final. (…)”