Entrevista de Montse Dopico a Ana Acuña en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que os galegos en Madrid foron “pioneiros”? En que aspectos?
– Ana Acuña (AA): Un dos máis coñecidos é o político co nacemento da UPG. Os dez puntos básicos deseñáronse en Madrid. Tamén no aspecto literario, lingüístico e artístico coa revista Loia, o grupo Atlántica, a “Carta Circular ó cardeal, bispos e cregos de Galicia”, o especial da revista Signo dedicado a Galicia, a Estampa Popular Galega, a banda deseñada… O grupo máis coñecido é o que tivo máis trascendencia política: Brais Pinto… Pero os galegos en Madrid foron pioneiros en moitos aspectos. Moitos son estudantes que están de paso, pero moi implicados cos movementos reivindicativos. Por iso falo de “xeracións activas”, que é un termo de Julio Aróstegui. É dicir, grupos que nacen, introducen cambios e actúan como portadores dunha cultura nova. Moi conscientes da terra da que veñen pero tamén da que os acolle, da difícil situación das clases subalternas de Madrid, por exemplo, e coñecedores dos movementos de liberación anticolonialista. (…)
– P: A segunda xeración, a dos Brais Pinto, analiza “a problemática galega desde unha óptica socio-política e non só cultural”. Que é que os distingue da primeira xeración, – a da Mocedade Universitaria Castelao-, para non merecer o adxectivo de “culturalistas”, indo aos feitos?
– AA: Sobre a primeira xeración, eu digo que as súas actividades “foron eminentemente culturais pero que xa se apreciaban gomos dunha certa reivindicación” lingüística. Non se pode esquecer a polémica lingüística sobre a persecución do idioma nacida dunha actividade deste grupo de galegos en Madrid nin o seu eco en Bos Aires. Esta xeración carecía de mestres tralo corte provocado pola Guerra Civil.
En canto á actividade cultural de Brais Pinto, era para eles unha “tapadeira” de algo máis, dunha acción política. Non queren facer só arte. Son moi conscientes das necesidades e das eivas que había no ámbito artístico: os artigos de Patiño críticos coa pintura do momento, por exemplo. Reivindican a novidade, a innovación, pero para algo máis. Están aprendendo a realidade política e histórica coa que se implican co obxectivo de liberar Galicia. É significativa, por exemplo, a relación que manteñen con América. Ou actos concretos, como cando se erguen e marchan tras unhas determinadas afirmacións de Fraga sobre Rosalía… Eran tempos difíciles. Non é como coller e marchar hoxe. (…)
– P: Carmen Mejía fala de “insilio” ou exilio interior. Nese sentido, o libro [Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega] oponse a diversos tópicos. Nin as mulleres que emigraban eran meras “acompañantes” dos maridos. Nin a motivación era só a fame. Tamén a necesidade de saber. Nin a viaxe tiña que implicar necesariamente o traslado a moitos quilómetros de distancia.
– AA: Hai moitas formas de mobilidade e a interior é unha delas, si. Carmen Mejía trata, tamén, a mobilidade dos nenos do campo á cidade na Galicia dos anos 50 a través dun documento remitido por Luz Pichel. María do Carme Kruckenberg, que aparece no capítulo de Manuela Palacios e no de María Xesús Nogueira, viaxaba por necesidade de coñecer. Eva Moreda tamén amosa motivacións para a mobilidade máis próximas a nós (razóns laborais, académicas…). E claro que as mulleres non emigraban só para acompañar os maridos. Nos capítulos hai historias ben crúas, como as das mulleres que emigraban para aleitar os fillos doutras e levaban un canciño na viaxe a América para non perder o leite… (…)”