Desde Cultura Galega:
“Os galardóns anuais que ata o de agora entregaban as asociacións de libreiros, editores e librarías integraranse nuns únicos premios. Representantes da Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías presentaban o venres 20 de novembro na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela este “acordo histórico” que institúe os premios do sector do libro galego, orientados a recoñecer a “excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia”.
Os galardóns entregaranse na nova Gala do Libro Galego, que se celebrará cada ano na semana anterior ao Día das Letras, a coincidir a primeira o vindeiro 16 de maio. A nova convocatoria contempla as categorías de obra de ensaio, obra de narrativa, obra infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, libro de poesía, libro de teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e premio honorífico á editora. Os premios non teñen dotación económica.
Un xurado de sete persoas, tres delegados dos coletivos convocantes e catro profesionais da cultura, seleccionará entre cinco finalistas por categoría, que á súa vez sairán da votación dos membros das tres organizacións convocantes. A excepción son os galardóns ao escritor galego universal, que será concedido pola directiva da AELG, o honorífico á libraría que escollerá a directiva da Federación de Librarías e o honorífico á editora, que outorgará a directiva da AGE.
Na presentación da gala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, lembrou as reivindicacións do sector representado por estes colectivos, que inclúen a creación do Instituto Rosalía de Castro, o desenvolvemento de plans anuais de lectura, a recuperación do peso político e orzamentario da Consellaría de Cultura e mais a implicación efectiva da Consellaría de Industria no apoio ao libro e ás letras. Sánchez explicou tamén que a Asociación de Escritoras e Escritores manterá os seus premio Letra E e Mestres da Memoria.”