Entrevista a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?
– Xavier Queipo (XQ): Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento, que amolece as quebras da saúde e do ánimo co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.
– SG: Como xurdiu a novela?
– XQ: Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta… Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.
– SG: Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa…
– XQ: Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla -física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.
– SG: Que quixo transmitir na obra?
– XQ: Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplemente conto como un home foxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes. (…)”