Xosé Neira Vilas: a memoria dos “ninguén”

ReportaxeXosé-Neira-Vilas-150x150 de Montse Dopico en Praza:
“”Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había”. Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas. (…)
Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre. Acompañalo, na Fundación que leva o seu nome, era unha viaxe polo tempo. Pola memoria. Da infancia en Gres á emigración a Buenos Aires, onde el mesmo dicía que descubrira a súa identidade galega, como sinala en Memoria da emigración. “Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia… en Arxentina. Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe…”, explicaba nunha entrevista recente en Praza. (…)
Mais Neira Vilas estivo, como di outro dos seus libros, Vinte anos retornando. En viaxes de ida e volta, ata a definitiva, a primeiros dos anos 90: o regreso a Gres coa súa compañeira, Anisia Miranda. A Fundación Neira Vilas. Os múltiples proxectos culturais. Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios. Tamén os das mans ás que tivo que achegarse á volta da emigración. Desde un credo oposto. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao. O Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. É Premio da Crítica Española e Premio da Crítica Galega. Premio Laxeiro e Trasalba. Mais é, sobre todo, dos “ninguén”. Da humildade. Do que representaba a voz de Balbino. Da procura da verdade. E da xustiza. (…)”