Parlamento das Letras: Alfredo Conde

EntrevistaAlfredo Conde de Armando Requeixo a Alfredo Conde no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Alfredo Conde (AC): Ás nosas letras, en tanto que tales, e na miña opinión, non lles falta nada. Temos una literatura tan actual e válida coma calquera outra. Deveceu un pouco a tensión poética vivida ata os oitenta e noventa do século pasado, pero levedou a prosa. O problema non é literario. Á nosa literatura estalle case a suceder, case, o que lle sucedeu á latina: unha gran literatura cun pequeno número de lectores que han ir das mirras para as encollas pouco e pouco. O problema é estrutural. Logo de trinta anos debemos considerar en qué errou a política lingüística. Non vale seguir dando a versión optimista de que isto vai coma deus para que o persoal non se nos deprima e se manteña cheo de ilusións. Iso só vale para que unha caste intelectual siga muxindo os orzamentos públicos.
Tamén fallan as industrias culturais. Non temos unha industria editorial consolidada, carecemos dun amplo número de lectores de xeito que un xornal tan ben feito e dirixido como foi Galicia Hoxe non sobreviviu, pois nin mil persoas ao día eran quen de gastar un peso para lle dar vida. ¿Que dicir dos libros? Temos centos de poetas e non se vende, falando en xeral, nin medio cento de volumes dun poemario. Cando nos finais dos oitenta quixen emendar o asunto das subvencións, un excelso caricaturista pintábame co lombo ardendo. Desgraciadamente o tempo deume a razón e iso non me contenta nada.
Ás nosas letras, entendo eu, aínda lles sobran funcionarios. Permítome dicilo porque xa lle sobraron máis. Nelas, durante moitos anos, houbo demasiados profesores, demasiados lingüistas, corporativismo profesoral excesivo. Cando hai anos escribín un artigo no que botaba contas e dicía que entre docentes, empregados públicos e de fundacións, funcionarios das deputacións, dos concellos e da Xunta, concelleiros e asesores habería unhas cinco persoas vivindo dignamente do seu traballo pero nin unha ducia de creadores vivindo do seu, aos poucos días La Voz de Galicia publicou unha reportaxe na que o numero daqueles era elevado a vinte e nove mil, mentres que non se incrementaba o de creadores.
Quizais se nos foi un pouco a man. O plenario do Consello da Cultura ten vinte e tantos membros. ¿Cantos funcionarios para atendelos? ¿Cantos ten a RAG e cantos membros? E así todo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AC: Hai novelistas novos e non todos son xa profesores e iso é un síntoma que entendo como moi positivo. Non é malo que nun goberno haxa un electricista, como foi o caso dun composto por socialistas. O problema sería que naquel goberno o fosen todos os seus membros. Sería demasiado enchufe. Cando nunha literatura todos son eléctricos, esta padece cambras de xeito sistemático e acaba tolleita. Quero dicir que, nivelada a cota, véxoa máis áxil e lizgaira. Que lle dure e teña longa vida. (…)”