Cuestionario Proust: Manrique Fernández

DesdeManrique Fernández o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manrique Fernández:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Quero pensar que a afabilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade. Aínda que doa.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Prefiro non agardar nada. Deste xeito, todo o que me ofrecen (que é moito) resulta un agasallo estraordinario.
4.– A súa principal eiva?
– Teño tantas que non sabería que dicir… Esta indecisión podería ser unha delas… ¿Ou non?
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir ou escoitar música. De feito, sempre escribo con música de fondo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Coido que a felicidade non son máis ca pequenos intres que gozar. Un bico agarimoso, unha canción, un libro que che gusta… Logo o meu ideal sería alongalos todo o posible.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O vacío que deixa en nós a perda dun ser querido. ¡É terrible!
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son. Non aspiro a máis. ¿Lembras o Oráculo de Delfos?: “Coñécete a ti mesmo”. Así sabes cales son os teus límites e non aspiras ao que non podes chegar.
9.– En que país desexaría vivir?
– Estou bastante a gusto en Galicia. Non necesito outro.
10.– A súa cor favorita?
– Depende de para que, pero podería ser algunha tonalidade de vermello. Ou ese verde esmeralda que ás veces collen as augas do mar…
11.– A flor que máis lle gusta?
– Nin sei que nome teñen esas flores pequeniñas e de moitas cores que nacen libremente no campo en pequenos acios. Son quen de iluminar o día…
12.– O paxaro que prefire?
– Hai unha bubela que todos os veráns aniña moi preto da miña casa e que teño medio adoptada. Encántame observala, co seu porte señorial e os seus movementos nerviosos semella un aristócrata despistado…
13.– A súa devoción na prosa?
– ¡Son tantas…! Por escoller un autor, marabíllame o trazo fino e retranqueiro de Castelao, a tamén súa precisión: nin unha palabra de máis, nin unha de menos…
14.– E na poesía?
– En Madrid tiven como profesor a Ángel García López e marcoume moito. Pero tamén me chegou moi fondo o Blas de Otero dos seus inicios.
15.– Un libro?
– ¿Un só…? Moi difícil, pero polo que me abriu os ollos no momento en que o lin ben podería ser Vacas, porcos, guerras e bruxas, de Marvin Harris. Ou as Rubayyat, de Omar Kheyyam.
16.– Un heroe de ficción?
– Sempre me gustou Batman por non ter poderes especiais. E, sobre todo, por esas liñas neogóticas das viñetas.
17.– Unha heroína?
– ¿Podemos considerar heroína a Lauren Bacall nos seus papeis xunto a Bogart…? Esa muller tenme engaiolado…
18.– A súa música favorita?
– Practicamente toda, dende a clásica ata o punk. Pero encántame o rock and roll dos anos 70. A latina cánsame enseguida e a electrónica paréceme demasiado deshumanizada. Do resto, case todo.
19.– Na pintura?
– Gústame moito Dalí pola súa fantasía desbordante.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Sen dúbida, a miña nai. Para min, a maior heroína que coñezo.
21.– O seu nome favorito?
– Ten que ser un nome de muller. Iria. É o da miña filla.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– A esas persoas que van de listas, que cren estar por enriba dos demais, que cren que as normas (sobre todo as morais) non están feitas para eles, que se consideran superiores e imbuídos de maior dereito a gloria… Dá igual argallen unha estafa a grande escala ou que fagan trampas ao parchís.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Desprezo aos conquistadores que aniquilan sen remorsos culturas enteiras, pero aínda desprezo máis aos que os protexen e animan dende a sombra.
25.– Un feito militar que admire?
– En realidade, ningún. Único que sexa a sinatura dun acordo de paz. A violencia non é o camiño.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non é un don natural, pero se entramos no terreo da fantasía gustaríame manexar o tempo ao meu antollo: paralo, frealo, aceleralo… ¿A quen non?
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Suavemente, sen estridencias e causando a mínima dor aos que me rodean.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Variable. Trato de ser animoso, pero as circunstancias que me rodean non sempre mo permiten.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que son froito da ignorancia; ou, mellor dito, da incultura.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”