Entrevista a Manuel Portas en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Deixouse vostede levar máis pola ficción ou polo aspecto didáctico [Lourenço, Xograr]?
– Manuel Portas (MP): Aínda que a verdade histórica está presente na ambientación xeral da novela, o tema principal é a loita de Lourenço por tentar que o seu talento artístico fose máis recoñecido pola sociedade. Tratei de deixar nun segundo plano os aspectos técnicos para que poida ser desfrutada tanto por alguén que dispón de coñecementos previos sobre Historia, como por un lector que careza dese tipo de información. (…)
– LO: Como ve a situación actual da literatura galega?
– MP: Un dos grandes problemas actuais é que a literatura, como outras creacións culturais, adoita considerarse como algo superfluo e pouco productivo, e cando a Administración dun país o ve deste xeito, sube o IVE e baixa o investimento en cultura, posicionándoa coma un produto de luxo ao alcance duns poucos. É preciso máis que nunca que resistamos e que fagamos que a nosa cultura perviva nas próximas xeracións.
– LO: Compaxina o seu labor docente co literario. Dalle consellos a aqueles alumnos que queren adicarse a escribir?
– MP: Ante todo, os docentes temos a misión de ensinar a disfrutar da literatura, tanto aos alumnos que queiran orientar a súa carreira a escribir como aos que non teñan este interese. Ás veces o sistema educativo prioriza a memorización de autores e obras pero non do seu disfrute, e para paliar esta tendencia segue a ser moi importante o labor dinamizador dos Clubes de Lectura. (…)”