Entrevista a Eli Ríos en Lermos.gal

EntrevistaEli Ríos de Xosé Duncan a Eli Ríos en Lermos.gal:
“(…) – Lermos.gal (L): Pensas que a poesía é un xénero para entendidos? É habitual que os rapaces de hoxe en día saiban de memoria as letras das cancións de Miley Cyrus ou, peor, de temas de Reggeaton. Así e todo, non os ves cun libro de poesía na man ou recitando versos.
– Eli Ríos (ER): Aínda que vou procurar agora moitos inimigos, moita parte do problema está nunha parte do persoal docente. Naqueles que non lles achegan a poesía porque é complicado para un adulto facelo, porque os recortes non lles deixan tempo ou porque a narrativa parece máis sinxela para adaptar a un temario.
O problema somos nós, os adultos, que só lles sabemos transmitir o concepto do que é un retrouso, que se temos que medir… No momento no que complicas a poesía, estás a complicar a percepción. Estou totalmente segura, ademais porque o vexo na práctica, que tanto María Reimóndez, Carlos Negro, toda esta xente ten unha recepción da súa poesía incrible pero.. fóra das aulas. Porque non estás condicionando á rapazada a buscar unha metáfora, unha patáfora, un hipérbato, non. Están lendo por que queren e por que lles gusta! De feito, o conto infantil Bicha naceu nunha exposición que fixen nunha aula de quinto de primaria de poesía. Foi falando de María, que é un dos poemarios máis complicados que teño. É un poemario borgiano que xoga coa cábala… e os nenos entendérono. Penso que lle estamos a poñer a etiqueta de “difícil de entender” á poesía, que non ten. (…)
– L: Que opinión che merece que teñas que defender ou argumentar, ou mesmo que te etiqueten a ti, como poesía feminista? Non deberían estar as obras por riba da ideoloxía que ti teñas ou do fondo que poidan deixar entrever? É dicir, non pensas que, moitas veces, cando se fala de narrativa ou poesía feminista se está politizando a obra, perdendo de vista a mensaxe real que quere transmitir?
– ER: Talmente. O que pasa é que, cando alguén a etiqueta de feminista, estase posicionando nun sistema patriarcal. E a min correspóndeme crear os outros referentes. E correspóndeme porque foi a miña escolla. É dicir, chegou un momento no que a miña filla só podía ler contos de princesas, contos nos que ela tiña que agardar por esa media laranxa. E que lle estaba a transmitir a miña filla? Que non era unha persoa completa? E tomei unha posición. Hai quen decide poñer a etiqueta de literatura feminista e que isto implique unha escrita con sensibilidade, unha escrita dirixida aos coidados… Pois eu fago todo o contrario, é dicir, se ti non queres ver os recursos que hai na miña obra, é o teu problema e o teu sistema patriarcal.
Teño a miña filla, as miñas primas, teño xente que merece que as protagonistas tamén sexan femininas e que non teñan que estar á espera dun home que as defenda. Non, as miñas protagonistas poden ser enxeñeiras igual que o poden ser os homes. Paréceme que non estamos no século XXI. É igual que o que custa que entren no sistema os novos tipos de narrativa como as fantasías, as distopías… Que son totalmente normais noutras literaturas, noutros sistemas como o anglosaxón, como o francés, por exemplo. E aquí custa moito. Por que? Porque existe ese sector, que se empeña en poñer etiquetas, e o que estamos a facer e non entrar no século XXI. Perdemos lectores e non son a primeira que o digo. (…)
– L: Ao fío do tema dos certames, cres que a visibilidade que dan os premios é, en realidade, preguiza ou falta de esforzo por parte dos medios de comunicación por faceren eles mesmos unha busca activa de boa literatura e que se quedan, simplemente, con aqueles libros premiados ou avalados por críticos de renome?
– ER: É moi difícil. Esa é unha eiva da nosa literatura. Non temos un sistema crítico-editorial que chegue ao público. Temos un sistema crítico que, digamos, é de eido universitario, que chega a un sector moi determinado. Temos un sistema crítico que fai unhas recensións en prensa pero… eu non sei se viches o espazo que lles deixan…? Son catro liñas. Temos un país moi activo literariamente e non chegamos aos lectores. Todos os días temos unha, dúas, tres presentacións e as fins de semana incluso máis. Temos un festival anual moi grande que é o Culturgal, que xunta a unha morea de xente. O que pasa é que nos metemos xa no ámbito político porque non hai unhas boas políticas de difusión, de apoio… Non sei por qué a cultura non interesa neste gran país no que podemos facer unha gran difusión sobre as touradas ou sobre calquera outra cousa, pero dos libros… Somos, realmente, os escritores e escritoras, algunha editorial implicada e os novos libreiros e libreiras que queren vender os libros, pero pouco máis. Fáltanos persoal formado que dea esa visibilidade, fáltannos canles que dean esa visibilidade. E xa non che digo nada cando se trata de muller, que seguimos fóra de todos os eventos, de todas as charlas…
– L: É típico nas entrevistas e non vou deixar de caer nos tópicos… cal é a túa opinión sobre a situación actual da poesía ou calquera outro comentario co que queiras rematar?
– ER: Avogar un pouquiño polo máximo apoio. Apoio desde, o que falabamos, o sector da crítica, as editoras… porque temos moito por ofrecer e moito por recuperar. Arrimar o ombro todos os sectores implicados. Temos moitas lectoras e lectores que recuperar. Hai que sacar adiante este século XXI con novas propostas, temos que arriscar moitísimo máis e abrirnos a novos lectorados. (…)”