Entrevista de Manuel Gago a Manuel Iglesias Turnes en Cultura Galega:
“A novela Que non te aten (Xerais, 2016) de Manuel Iglesias Turnes está a dar moito que falar. Non son habituais as novelas ambientadas no rural contemporáneo, de granxas gandeiras, concurso de razas leiteiras e enormes casas construídas co diñeiro da emigración, e cun grande número de personaxes novas enganchadas ás novas tecnoloxías para manexar a súa vida. Tralo éxito da súa anterior novela, As rapazas de Xan, que vai pola terceira edición, falamos co autor para coñecer máis sobre a escrita de Que non te aten.
– Cultura Galega (CG): Manuel, es un escritor moi tardío, algo nada habitual. Publicaches o teu primeiro libro, As rapazas de Xan, en 2012 e hoxe tes 65 anos. Por que te decidiches a escribir?
– Manuel Iglesias (MI): Eu empecei a escribir por unha situación persoal que non vía forma de xestionar. Unha enfermidade grave da miña muller, con catro operacións e catro anos de moitísima angustia. Un día estaba nun dos hospitais con ela, e déuseme por ir ao quiosco. Collín unha libreta e un bolígrafo e alí escribín vinte ou trinta páxinas de As rapazas de Xan. E a partir de aí. (…)
– CG: Cres que hai moitas historias do mundo rural por contar?
– MI: (…) Unha das satisfaccións máis grandes que tiven con As rapazas de Xan é que houbo moita xente de setenta ou oitenta anos que nunca leran un libro en galego e que leron As rapazas de Xan, sobre todo aquí na Barcala e Xallas, onde eu me movo. O libro andou polas casas igual que os santos andaban antes coa esmola e lérona os avós e os netos. Falaban de que era o primeiro libro que leran en galego sen dificultade. Iso que a moitos lles parecerá un defecto ou falta de bagaxe cultural, á hora de achegar a escrita ao lector é unha vantaxe. (…)”