Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 20

OFeira do Libro de Lugo 2016 venres 20 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

17:30 h. Presentación do libro A música das árbores, a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro, con actuación musical.
19:00 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Xunto ao autor participan Francisco Legaspi e Belén López Vázquez.
20:00 h. Presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
21:00 h. Os outros feirantes, evento nocturno na Feira, onde participan Lois Pérez, Esther Carrodeguas, o mago David Méndez, e música de Zercalo.

Taboleiro do libro galego XLII (marzo de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar, Cartabón e Librouro de Vigo; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Trama de Lugo; Suévia e Moito Conto da Coruña; Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).

NARRATIVA
1º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
2º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
3º-. Xabier Quiroga, Izan o da saca, Xerais.
4º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
5º-. Manuel Portas, Lourenço, Xograr, Galaxia.
6º-. Alberto Fortes, O dobrón de a oito, Xerais.
7º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.
10º-. Manuel Iglesias Turnes, Que non te aten, Xerais.

POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O deserto, Apiario.
2º-. Rosalía de Castro, Follas novas, Xerais (edición de Anxo Angueira).
3º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Manuel María, Terra Chá, Fundación Manuel María.
6º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
7º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
8º-. Paco Souto, e Caín, Laiovento.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
2º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
4º-. Mercedes Queixas, De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, Xerais.
5º-. Carlos L. Bernárdez, Un pintor que sabía o que facía, Laiovento.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
3º-. Antonio Manuel Fraga, Tártarus, Xerais.
4º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
4º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
5º-. Mariana Ruiz, A viaxe de mamá, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Margarita LedoManuel María: eu son fala e terra desta miña terra,  Nós Produtora Cinematográfica Galega.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.
5º-. As Maimiñas, Unha viaxe polo mundo, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero V, Edición do autor.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.”

Manuel Iglesias Turnes: “Escribo para quen non ten quen lle escriba”

Entrevista Manuel Iglesias Turnesde Manuel Gago a Manuel Iglesias Turnes en Cultura Galega:
“A novela Que non te aten (Xerais, 2016) de Manuel Iglesias Turnes está a dar moito que falar. Non son habituais as novelas ambientadas no rural contemporáneo, de granxas gandeiras, concurso de razas leiteiras e enormes casas construídas co diñeiro da emigración, e cun grande número de personaxes novas enganchadas ás novas tecnoloxías para manexar a súa vida. Tralo éxito da súa anterior novela, As rapazas de Xan, que vai pola terceira edición, falamos co autor para coñecer máis sobre a escrita de Que non te aten.
– Cultura Galega (CG): Manuel, es un escritor moi tardío, algo nada habitual. Publicaches o teu primeiro libro, As rapazas de Xan, en 2012 e hoxe tes 65 anos. Por que te decidiches a escribir?
– Manuel Iglesias (MI): Eu empecei a escribir por unha situación persoal que non vía forma de xestionar. Unha enfermidade grave da miña muller, con catro operacións e catro anos de moitísima angustia. Un día estaba nun dos hospitais con ela, e déuseme por ir ao quiosco. Collín unha libreta e un bolígrafo e alí escribín vinte ou trinta páxinas de As rapazas de Xan. E a partir de aí. (…)
– CG: Cres que hai moitas historias do mundo rural por contar?
– MI: (…) Unha das satisfaccións máis grandes que tiven con As rapazas de Xan é que houbo moita xente de setenta ou oitenta anos que nunca leran un libro en galego e que leron As rapazas de Xan, sobre todo aquí na Barcala e Xallas, onde eu me movo. O libro andou polas casas igual que os santos andaban antes coa esmola e lérona os avós e os netos. Falaban de que era o primeiro libro que leran en galego sen dificultade. Iso que a moitos lles parecerá un defecto ou falta de bagaxe cultural, á hora de achegar a escrita ao lector é unha vantaxe. (…)”

Compostela: presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes

OManuel Iglesias Turnes xoves 3 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase a novela Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Suso de Toro, Pablo Vaamonde e Manuel Bragado.