O venres 18 de marzo, ás 19:30 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), terá lugar Lareteando no Museo, actividade complementaria da mostra Fisuras na Vitrina, con entrada libre.
A idea motora deste tipo de presentación non é simplificar ou restar calidade ás intervencións, senón que busca unicamente manter en alto en todo momento o nivel de interese e de atención do público, algo moi complicado de facer nunha conferencia clásica, e que no PechaKucha é posible grazas ao seu formato, no que interveñen un gran número de poñentes e a que se realizan presentacións moi concisas arroupadas por unha constante e dinámica presenza gráfica. As charlas programadas van manter o formato típico de PechaKucha: 20×20, é dicir, 20 imaxes que van cambiando cada 20 segundos, mentres que se desenvolve o tema. Deste xeito, o tempo máximo para cada intervención será de 6 minutos e 40 segundos. Estas pequenas doses de información van ensamblarse grazas á presenza dunha persoa, que a modo de mestra de cerimonias, vai ir presentando as 10 intervencións.
Os temas a tratar son: A ourivería na prehistoria e protohistoria, a colección Gil Varela. Arte prehistórica galega. A arte e a ourivería prehistórica revisada con ollos contemporáneos. A conservación e a restauración dos obxectos arqueolóxicos e da arte contemporánea. Conexións entre arte contemporánea e arqueoloxía . A poética do achado: a flaneriesurrealista e dadá. Reflexións sobre xénero cultural e o obxecto arqueolóxico. A técnica arqueolóxica como ferramenta artística ou a visión arqueolóxica ante a arte contemporánea.
O programa é o seguinte:
– Aurelia Balseiro. Directora do Museo de Lugo: Historia dunha colección: Blanco Cicerón, Gil Varela e as pezas de ourivería antiga do museo de Lugo.
– Xosé Ignacio Vilaseco. Arqueólogo da Xunta de Galicia: Prehistorizarte, un brevísimo percorrido pola arte prehistórica galega.
– Ana Tembra. Arqueóloga Profesional: A arqueóloga que se colocou pola fisura.
– María Méndez. Arqueóloga e socia de Lerole: Lerole puntadas na pedra.
– Nilo Árias. Artista plástico: “Pendente”: unha historia de arqueoloxía da cultura material propia.
– Mª José Bóveda. Arqueóloga e comisaria da mostra Fisuras na Vitrina: Con todo xénero de dúbidas.
– Jorge Varela. Artista e investigador da Universidade de Vigo: Un paseo ao encontro do obxecto.
– Yolanda Porto. Conservadora-restauradora en FRÁXIL: FRÁXIL: manéxese con coidado.
– Honorino Freire. Ourive: Xoias contemporáneas de inspiración arqueolóxica.
– Montse Cea. Crítica de arte e comisaria da mostra Fisuras na Vitrina: Arte contemporánea e arqueoloxía, unha historia compartida.