Xeografías da cultura

Desde Cultura Galega:
“A industria cultural galega bascula sobre o Eixe Atlántico. A Galicia Urbana, de Ferrol a Vigo concentra aquelas persoas con maiores inquedanzas a nivel cultural, cando menos na maior parte dos ámbitos que recolle o Instituto Galego de Estatística. Debullamos os mapas que o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura elaborou a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística.
O lugar de residencia revélase como un factor determinante á hora de falarmos dos hábitos culturais en Galicia. As áreas máis urbanizadas concentran os picos de consumo ao falarmos de actividades como ir a museos, ao cinema, a espectáculos musicais ou mesmo na lectura. Entre elas, son as cidades do Eixe Atlántico, nomeadamente A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, as que amosan unha maior dinámica nos indicadores de ocio e hábitos culturais. Continuamos a debullar o documento Ocio e hábitos culturais (II) que o Observatorio da Cultura Galega desenvolveu a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística para 2014, a atender aos indicadores de asistencia ao cinema, teatro, museos e exposicións, espectáculos musicais e índice de lectura. (…)

Teatro
Contrariamente ao cinema, os datos sobre teatro, malia a ser unha afección máis minoritaria que só desenvolve un 25,5% da poboación, amosan unha maior dinámica en áreas non estritamente urbanas. Destaca de novo o caso do Morrazo (un 32%) e mais o de Caldas-O Salnés, (23%), pero tamén se observan menos diferenzas coas áreas urbanas no caso da Mariña, O Carballiño-O Ribeiro ou Pontevedra Sur, nun rango de entre o 19 e o 21%. Un maior reparto xeográfico das funcións teatrais ou unha maior dispoñibilidade para se desprazar do público das mesmas pode explicar esta tendencia. (…)

Lectura
A apontoar a idea de que boa parte dos hábitos de consumo non dependen necesariamente de ter infraestruturas próximas, os datos sobre lectura amosan de novo a preeminencia da franxa atlántica. Destacan A Coruña, Santiago e Pontevedra, seguidas de Vigo, con entre o 57 e o 60% de poboación lectora. Séguenas Ourense, Ferrol, Caldas-O Salnés e mais O Morrazo con cifras de entre o 50 e o 55%. A distribución amósase bastante regular polo territorio e segue por Lugo Central, Ourense Norte, O Carballiño-O Ribeiro e a Barbanza, con porcentaxes entre o 44 e o 48% de persoas que len ocasional ou asiduamente. A Costa da Morte, Lugo Sur, Lugo oriental e Pontevedra nororiental aparecen como como as menos afeccionadas á lectura, con cifras lixeiramente superiores ao 30%, practicamente a metade das áreas máis afeccionadas aos libros. (…)”