O Teatro é a arte sublime. Manifesto da ESAD de Galicia no Día Mundial do Teatro. 27 de marzo de 2016.

Recollemos12809708_983609908390449_2745907594720798990_n o texto do manifesto emitido pola ESAD de Galicia.

“Desde a ESAD DE GALICIA queremos reivindicar un teatro de calidade e con denominación de orixe protexida!
Queremos reivindicar o teatro como servizo público.
Queremos reivindicar o teatro como profesión necesaria nunha sociedade civilizada e xusta.
Por tanto, defendemos a importancia dunha formación regulada, nunha escola pública cos recursos necesarios para desenvolver ao máximo as potencialidades desta arte.
Defendemos os criterios humanísticos e artísticos, por riba dos criterios cuantitativos e mercantís.
A ESAD DE GALICIA quere sumarse ás reivindicacións das asociacións sectoriais do teatro galego para reivindicar a arte das artes, a arte máis sublime de todas as artes: o teatro.
Propoño unha demostración brincadeira de por que o teatro é a arte máis sublime de todas as artes, máis que a literatura, máis que a pintura, máis que a escultura, máis que a música, máis que o cinema… Éo porque o teatro, ademais de empregar a literatura, a pintura, a música…, sitúa como obxecto artístico a persoa, co corpo, o movemento, a voz, as luces e as sombras do humano en movemento, de maneira más literal ou máis metafórica, enriba do palco.
O teatro suscita emocións igual que o deporte rei, o fútbol, pero, ademais, move pensamentos. O teatro pode contar historias e abordar mitos, igual que a novela ou o cinema, pero faino desde a síntese explosiva da vivencia empática en directo. O teatro pode xerar poesía enriba da escena, cunha alta dose de polisemia ou incluso, alén da semántica, poñer diante ou entre nós o inefable, o inenarrable. O teatro pode xerar cadros pictóricos dinámicos e animar volumes escultóricos cun magnetismo sen igual.
É certo que a boa literatura esperta en nós imaxes e prodúcenos unha vivencia enriquecedora, non obstante o teatro é, en si mesmo, experiencia e vivencia sublimadas.
O teatro é danza e música, no teatro aválanse pensamentos e emocións. Pero, ademais, actívase esoutra comunicación alén do racional, esoutra química na que pesan os valores intuitivos da percepción directa e interactiva, esoutra comunicación na que as miradas e os corpos, coas súas texturas enerxéticas, cos seus temperamentos, entran en relación.
Celebramos o teatro, porque o teatro é a celebración do humano, na súa dimensión máis lúdica, política, filosófica e artística.

Afonso Becerra de Becerreá