Desde o Concello de Bueu:
“O xurado do XIX Premio Johán Carballeira de Poesía, convocado polo Concello de Bueu, reuniuse na mañá deste sábado para dilucidar o poemario gañador deste ano. Os poetas Ismael Ramos, gañador da pasada edición, Asun Estévez, e Ledicia Costas decidiron de forma unánime conceder o premio a Pura Tejelo Núñez, co poemario A elegancia do século. O xurado destacou a maneira en que a autora “explora o cotián dun xeito profundo e elaborado, empregando un repertorio de imaxes que con nitidez nos trasladan á anécdota ou situación que deu orixe á reflexión lírica”. Así mesmo apuntaron que son poemas con moita variedade temática e que presentan unha unidade interna.
A gañadora será premiada con 1500 euros ademais da publicación do poemario por parte da Editorial Xerais.
Esta decisión foi complicada, debido sobre todo á alta participación deste ano, no que se recibiron un total de 54 poemarios, o que supón o récord de toda a historia do premio, que naceu no ano 1996, como unha homenaxe a Johán Carballeira, líder galeguista, poeta e xornalista, ademais de alcalde do municipio antes do golpe de estado. (…)”