Convite ao acto de irmanamento Monte Pindo – Monte Alto, previsto para o 29 de maio

“CadaMonte Pindo ano a Asociación Monte Pindo Parque Natural e a Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto vimos organizando un acto conxunto, apadriñado por Xurxo Souto, de lembranza do simbólico irmanamento entre o Monte Pindo e Monte Alto celebrado no ano 2012 no Campo de Marte, no que plantamos un carballo conmemorativo da ocasión coa súa placa. Este ano, por primeira vez, queremos que este emotivo evento primaveral de amizade da veciñanza de Carnota coa da Coruña se celebre no propio Monte Pindo. O acto consistirá nunha subida ao Monte Pindo (dificultade media) e outras actividades nas que nos acompañará a música, a historia deste lugar máxico, a poesía e o disfrute da natureza. Está previsto que teña lugar o domingo 29 de maio.
En canto ás entidades participantes, ademais das organizadoras, está confirmada a participación da Asociación Cultural Son D’Aquí, que disporá dun autobús propio. En función da demanda existente podemos valorar xestionar un segundo vehículo cuxo custo se repartiría entre as entidades ou persoas asistentes, ou ben organizar coches particulares, segundo se vexa máis axeitado.
Para organizarmos a loxística con tempo, e antes de elaborarmos a publicidade do cartel, redes sociais, medios… gustaríanos contar coa túa participación, agradecendo de antemán a túa premura en confirmárnolo. Síntete libre, así mesmo, de comunicar esta mensaxe a outras entidades ou persoas da cidade que poidan estar interesadas en participar. As persoas ou entidades interesadas poden contactar no correo electrónico info@montepindo.org”