Desde Cultura Galega:
“(…) Se ben xa era recoñecida a importancia de Manuel María como un dos pioneiros da poesía e do teatro para os máis novos nas nosas letras, neste ano os espectáculos e propostas musicais para público familiar están a aparecer como as máis abondosas na oferta cultural relacionada coa súa figura. A nivel teatral, están en marcha ou a piques de se presentar as propostas de Lucecús Teatro, con A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna; Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, con dúas versións a cargo de Dinamo Teatro e de Trinke Trinke; Os soños na gaiola, de novo por Trinke Trinke e con outra adaptación por Títeres Alakrán; Fantoches Baj con O asombro con Manuel María e a vertente escénica do espectáculo musical Canta o cuco; Títeres Viravolta e Títeres Cascanueces con cadanseu Barriga Verde e Fran Rei cun contacontos que mestura esta obra, a Berenguela e, de novo Os soños na gaiola. Se botamos a conta dos espectáculos escénicos que levan a Manuel María ás táboas, obsérvase como a inmensa maioría están dirixidas especificamente a cativos. De todas as propostas “é Edipo, de Espello Cóncavo a que máis escapa ao público infantil, e eu penso que Barriga Verde en grande medida tamén, pero depende como a collan as compañías”, explica Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
Tamén para este público están pensados libros recentes como a biografía e antoloxía poética Manuel María, vida, versos e rebelión, mentres o público xuvenil conta con Manuel María. Buscando un país de Manuel Veiga. A nivel sonoro atopamos un predominio de produtos orientados aos máis novos entre os lanzamentos. Así, a Berenguela de Galaxia, a reedición de Os soños na gaiola de Suso Vaamonde, as propostas de Pirilampo, e mais Uxía e Magín, A voz do vento de Fran Amil ou o espectáculo O bigote de Mimí de Luís Vallecillo apostan polos sons para o público máis cativo.
Cabe pensar que a actual aposta de moitas destas actividades polo público máis novo está relacionada coa explosión de propostas neste mercado dos últimos anos. Dalgún xeito, o desenvolvemento dun mercado de libros-CD, espectáculos e sons para os máis novos contribúe para que este ano músicos e profesionais da escena aposten tamén por potenciar esta visibilidade Manuel María como autor para este público. De feito, obsérvase como mesmo as obras poéticas para cativos do autor se presentan nesta ocasión integradas en espectáculos teatrais e musicais e non como obras puramente literarias. Encol do peso que este público está a ter nas producións deste ano encol do poeta, Ansede sinala que “supón algo moi positivo que é reinstalar a Manuel María nas novas xeracións, e isto é un elemento de futuro fundamental. Por outra banda, tamén fai pensar se non será un síntoma da debilidade do sistema literario, ou do aprezo pola literatura do país, no sentido en que se pode dar a entender que isto é materia de estudo orientada ao ensino”. Mercedes Queixas, investigadora e autora da biografía que acaba de publicar Galaxia sobre o autor, apunta que “está a se recoñecer o traballo de Manuel María como autor pioneiro no campo da literatura infantil e xuvenil. Como no conxunto da súa obra, paréceme que neste ámbito tamén é un autor moi popular e moi coñecido”. (…)”