Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada o 1 de xuño en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario), o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.”