Ramón Nicolás: “O universo vital de Hildegarda von Bingen é formidable”

EntrevistaRamón Nicolás de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha das liñas argumentais da novela [O espello do mundo] xira arredor da vida nun mosteiro preto de Celanova na Idade Media. ¿De onde veu esta trama e como se documentou?
– Ramón Nicolás (RN): A inspiración chegou ao descubrir a inexistencia dos restos dun convento feminino en San Pedro de Ramirás, nas Terras de Celanova, isto é, nada fóra da igrexa principal, o que entendín como unha metáfora. Dun xeito casual souben que alí existira unha comunidade relixiosa feminina, rexida por abadesas chamadas onas, o que supuña tamén unha peculiaridade lingüística única. Aquelas mulleres chegaron a ostentar un poder extraordinario na baixa Idade Media e aquela parte da historia foi interesándome aos poucos. Nese sentido, o proceso de documentación foi, loxicamente, demorado e, ademais doutras fontes, tiven a sorte de consultar a colección diplomática dos textos conservados do mosteiro: neles latexa, dalgún xeito, o día a día do convento. (…)
– LVG: A alternancia de planos temporais, pasado e presente, ¿é unha forma de dicir que dende o noso tempo podemos ir alén da natural fascinación por esta época e sacar valiosas leccións?
– RN: En O espello do mundo paira, en certa maneira, esa intención. Os planos temporais superpóñense e ambos os dous avanzan na mesma dirección. Un proceso de investigación que realiza un profesor de historia sobre uns documentos da Idade Media vén ser a desculpa que ofrece a posibilidade de afondar nun tempo moi rico en matices e, por veces, bater con realidades insospeitadas que o tempo se encargou de escurecer.”