Ramón Nicolás: “En O espello do mundo está a vontade de restituír a memoria das ruínas que nos rodean”

EntrevistaRamón Nicolás de Alberto Ramos a Ramón Nicolás en Praza:
“(…) – Praza (P): Sobre a estrutura e o xénero do libro [O espello do mundo] quería preguntarlle unha cuestión. Temos trazos dun xénero epistolar, pero non é unha novela epistolar. Podería mesmo considerarse que falamos dun certo xeito de manuscrito achado, pero tampouco. Hai unha parte que é novela histórica, pero non é novela histórica. Entón, como podemos definir este libro? Hai pegadas de moitos xéneros, pero non se decide por ningún.
– Ramón Nicolás (RN): Si, efectivamente. A verdade, non sei como poderiamos clasificala. Hai certa sensación de indeterminación de carácter xenérico. É unha novela histórica? Si, pero non. É un libro de carácter epistolar? Pois tampouco, porque lemos as cartas de Hildegard, pero non as respostas da ona Guiomar. Só temos unha parte desa relación epistolar. Despois, hai certa intriga en todo o que se refire a Martiño, o profesor de historia, o personaxe contemporáneo, que intenta descubrir a historia das cartas e os manuscritos. En realidade, poderiamos dicir que son anacos de distintos xéneros e que xogan a indeterminación. Penso que á novela lle acaía ben estes distintos planos: un plano contemporáneo, outro histórico e outro epistolar. Agora ben, non sei se foi axeitado ou non, pero o xogo da indeterminación pode atraer a distintos públicos máis aló do lector de novela histórico. (…)
– P: Por que un crítico literario decide poñerse a escribir unha novela?
– RN: Este asunto da novela xa me leva roldando a cabeza bastante tempo, mesmo anos. Tiña investigado, tiña bastantes notas e houbo un momento en que me propuxen darlle forma. Ese momento chegou probablemente o ano pasado, cando me decatei que cumpría 25 anos facendo crítica literaria de forma continuada. Entón quixen afrontar o desafío de construír un texto narrativo. En certo xeito era, por un lado, un desafío e, polo outro, unha celebración. (…)
– P: Falamos do seu 25 aniversario como crítico literario. E as efemérides sempre convidan a facer unha pregunta tan sinxela como global: Que balance facemos?
– RN: Particularmente, eu non adoito relerme, pero está claro que os textos que escribín fai 25 anos e os de agora son ben diferentes. Co paso dos anos, non sei se para ben ou para mal, un vai aprendendo certas cousas. A nivel persoal, direi que neste tempo o estilo muda e os intereses particulares tamén. E tamén diría que as referencias que fun adquirindo e a perspectiva xeral, despois de moitas lecturas, permitíronme identificar algúns cambios que viviu o panorama literario nestes anos. Quizais, o máis impactante foi atoparse coa crise económica, que tivo efectos tanto no sistema editorial coma en aspectos temáticos. É dicir, hai moitas novelas que chegan agora sobre os efectos devastadores da crise en personaxes e individuos concretos. Esa temática nos anos noventa estaba practicamente ausente. (…)”