Entrevista de Xesús Fraga a Inma López Silva en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que lle atraía de situar a súa novela [Aqueles días en que eramos malas] nun cárcere?
– Inma López Silva (ILS): -Interesábame tratar fundamentalmente dous temas: a maldade e a liberdade, e a situación no cárcere pareceume idónea como punto de partida desde o que poñer en dúbida a universalidade absoluta deses dous conceptos. Partindo desa idea, derivei en cuestións como a diferenza entre o criminal e a vítima, o vínculo interesado entre o delito e o mal e, sobre todo, na liberdade como única verdade absoluta na vida. O cárcere é o requintado mecanismo que inventou o ser humano non só para castigar aquilo que considera malo, senón tamén para agachar aquilo do que as sociedades se avergoñan, mercadeando para isto con ese prezado ben que é a liberdade. Neste sentido, ademais, xorde a última pata na trípoda inicial da novela: as mulleres, dobremente debilitadas, porque o feito de ser muller implica un crime engadido a outros crimes, e menos liberdade dentro da propia exclusión. De aí que a historia suceda nun módulo de mulleres. Vistos desde o punto de vista feminino, tanto a maldade coma a liberdade adquiren matices éticos que me parecen ineludíbeis e sobre os que me sentía na obriga de escribir. (…)
– LVG: ¿Que traen á novela cada unha das personaxes, tan diferentes entre si?
– ILS: Cada unha delas aporta unha óptica para entender como se remata no cárcere. En todas se agacha unha historias real que demostra que a maior parte da poboación dun centro penitenciario, en especial nos módulos de mulleres,é xente produto dunha situación e dun contexto sobre o que case nunca se ten o control. Sor Mercedes, Margot e Valentina poñen a dúbida sobre quen é o criminal e quen é a vítima, mentres que Laura, a funcionaria, amosa que estando do outro lado da reixa non se é tan distinta das presas.
– LVG: Unha quinta personaxe, escritora, chámase Inma. ¿Que buscaba nese xogo metaficcional?
– ILS: O xogo da autoficción xurdiu coma unha continuidade a respecto das miñas últimas obras, que oscilaban entre o memorialístico e o ensaístico. Pero neste caso, meterme a «min» permitíame introducir unha reflexión que complementa as que comentaba antes: calquera pode acabar no cárcere. A diferenza entre entrar e non entrar está moitas veces nun erro, nun intre fatídico, nun momento de loucura e, sobre todo, na capacidade para pagar bos avogados. Velaí o meu papel na novela: non ser tanto o trasunto da escritora coma o da lectora que cre que ela nunca sería unha mala de cárcere. (…)”