Bases do XXV Certame Literario A Pipa 2016, da Alta Montaña Luguesa

“Aa-pipa-de-becerrea-2016 Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G27441708), en colaboración coa RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN1888-2412), convoca o XXV Certame Literario A Pipa 2016 da Alta Montaña Luguesa, nas modalidades de Dramaturxia breve, Poesía e Relato curto.

1. Temática.
O tema é libre. Non obstante valóranse positivamente as temáticas e argumentos relacionados co ámbito da Alta Montaña Luguesa en calquera das súas dimensións (territorial, social, paisaxística, cultural, antropolóxica, humana, histórica, etc. A súa riqueza léxica, a recollida ou recreación de lendas, contos, narracións, sucesos, versos, cantigas, parrafeos, diálogos e outras expresións autóctonas inéditas.)

2. Modalidades.
2.A.- DRAMATURXIA BREVE (máximo 10 páxinas. Formato documento Word ou Pdf.). Maiores de 18 anos.
2.B.- POESÍA (máximo 50 versos. Formato documento Word ou Pdf.).
CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos).
CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
2.C.- RELATO CURTO (máximo 5 páxinas por unha soa cara. Letra Times New Roman 12. Dobre espazo entre as liñas do texto. Formato documento Word ou Pdf.).
CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos).
CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.

3. Os premios.
Para cadansúa MODALIDADE e categoría establécense 1º e 2º PREMIOS, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e a correspondente acta ou título acreditativo.
A Asociación Cultural A PIPA DE BECERREÁ non descarta que os traballos premiados poidan ser publicados en formato dixital e/ou en soporte de papel, a través dos medios dos que dispón.
Na modalidade de DRAMATURXIA BREVE, ademais da estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e a correspondente acta ou título acreditativo, o premio tamén inclúe a publicación das pezas galardoadas na RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN 1888-2412)

4. Cerimonia de Entrega de Premios.
A Entrega de Premios terá lugar o 28 de decembro de 2016 ás 19:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XXV NOITE POÉTICA.
(A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá non se compromete a envíar os galardóns ás persoas premiadas. Os galardóns deberán ser recollidos polas persoas premiadas, ou por outras nas que deleguen, durante estas dúas xornadas de entrega sinaladas ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasará a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.)

5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un só traballo inédito por cada MODALIDADE (POESÍA, UN RELATO BREVE, UNHA DRAMATURXIA BREVE) en LINGUA GALEGA, axustándose á extensión e formato que se indican no apartado 2 destas bases.
5. B.- Os traballos deben ser enviados por correo electrónico, no que se acheguen dous documentos en formato Word ou Pdf:
Un documento co POEMA, o RELATO ou/e unha DRAMATURXIA BREVE anónimos. O título do devandito documento debe ser o mesmo que o do traballo que se presenta a concurso, por exemplo:
DRAMATURXIA. O INCERTO SEÑOR DON HAMLET
POESÍA ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. FOLLAS NOVAS
RELATO ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. Á LUS DO CANDIL
Noutro documento deberán aparecer, xunto ao título do POEMA, RELATO ou/e DRAMATURXIA BREVE, os datos da/o autor/a (nome e apelidos, data de nacemento, enderezo postal, teléfono de contacto. Tamén se pode incluír un breve currículo), indicando, ademais, a(s) MODALIDADE(S) e CATEGORÍA na que participan. Este segundo documento debe levar o mesmo título do traballo que se presenta a concurso máis a palabra “datos”. Por exemplo:
DRAMATURXIA. O INCERTO SEÑOR DON HAMLET. DATOS
POESÍA ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. FOLLAS NOVAS. DATOS
RELATO ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. Á LUS DO CANDIL. DATOS
5. C.- O prazo de admisión de correos electrónicos rematará o 15 DE DECEMBRO de 2016 ás 24 h.
5. D.- Os traballos deben enviarse ao enderezo electrónico: certameapipa@gmail.com

6. O Xurado. O Fallo.
Nas MODALIDADES DE POESÍA E RELATO BREVE, o Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
Na MODALIDADE DE DRAMATURXIA BREVE, o Xurado estará composto por membros do Consello de Redacción da RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN 1888-2412) ou as persoas nas que deleguen.
A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G27441708) emitirá unha acta coa resolución do Xurado.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, no blog de A Pipa de Becerreá, na súa páxina de Facebook, e tamén se transmitirá persoalmente ás persoas premiadas a través do correo electrónico e de chamada telefónica.”