Desde a páxina web do autor:
“Estado de Malestar. Ese é o título elixido por Fran Alonso para o libro de poemas que escribirá diariamente en Twitter dentro do proxecto inherente á súa obra de explorar as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías. A cabeceira da conta de Twitter empregada (@Tw140Poemas) reproduce unha fotografía que o propio Fran Alonso fixo sobre unha instalación da artista plástica portuguesa Patricia Sumares exposta no Centro John Dos Passos de Ponta do Sol (Madeira) e titulada «Tu és pó e ao pó voltarás II».
O texto de presentación da obra que Fran Alonso pretende escribir di o seguinte: «Desde as latrinas da vida ao fulgor da lúa, Estado de Malestar é un berro de versos en Twitter escrito por Fran Alonso. Un poema ao día en estado de excepción». (…)
O título da obra, Estado de Malestar, xoga cun determinado estado do proceso anímico que se detecta socialmente e que ironiza a partir do antónimo do propio concepto de «estado de benestar», pero tamén afonda nunha percepción íntima e persoal do social, do espazo público, que, ademais, nas redes sociais se mestura co privado ata confundirse.
O día elixido para a publicación do primeiro tuit é o mércores 30 de novembro. «Non é unha data elixida ao azar –di Fran Alonso–, eu quería ofrecer o primeiro poema no mes de Novembro porque foi precisamente en Novembro, hai trece anos, cando inaugurei a miña relación co ciberespazo xa que nese mes de 2003 naceu Cabrafanada, un dos blogs máis antigos do blogomillo e dos poucos que aínda continúan vivos». (…)”