Entrevista a María Canosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que a aposta pola temática de terror [Cando cae a luz]?
– María Canosa (MC): Sempre ando probando cousas novas, que é unha maneira de probarme a min mesma, para ver ata onde podo chegar, para experimentar. Ás veces, se non probas, non sabes que che achega, que sensacións che reporta. Entón, tiña ideas dende hai tempo para algún relato e fun apañando outras. Facer cousas diferentes é unha maneira de medrar como escritora.
– LVG: Como se sentiu nese xénero?
– MC: De pequena si que recordo ler moito nese xénero e tamén escribira algún relato, entón foi dicir: «¿Por que non seguir facendo algo disto? ¿Por que o abandonei completamente?». Ao principio, custoume arrancar, pero despois cando tes o motor quente vai mellor. Tiven que adaptarme ao vocabulario e, sobre todo, a crear os escenarios.
– LVG: Son trece relatos sen relación uns con outros.
– MC: Non teñen nada que ver, pero o fío condutor que intentei facer foi poñelos en situacións cotiás. O distinto deste libro, o que chama un pouco máis a atención, e o que nos afecta un pouco máis cando estamos lendo, é que son situacións cotiás, do traballo, da casa, de nais, de nenos adolescentes que saen do seu colexio. Son situacións que vivimos todos calquera día normal, que foi o que busquei e era o punto singular. Xa que non había un personaxe común nin un escenario igual, entón, o fío condutor é a cotidaniedade deles, que son situacións habituais en nós. Moita xente que o leu dicíame que o que máis lle asustaba na intriga era que se vía que lle podía pasar a calquera nun día normal. (…)”