Antón Riveiro Coello: “Os tolos eran para min, desde os meus ollos de neno, a máxima expresión da liberdade”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
– P: É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
– ARC: É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois… É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado…
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real. (…)”