Saúda da Presidencia da AELG no acto central da AELG de celebración do Día de Rosalía de Castro 2017.
“Queridas Amigas e amigos.
Representantes das institucións culturais, sociais e políticas da nosa Nación.
Vimos ao Panteón de Galegos Ilustres para honrarmos á nosa máis alta poeta ás portas do seu día, o Día de Rosalía de Castro. Vimos para a celebrar neste aniversario do seu nacemento; para reivindicar, un ano máis, un Panteón de Galegos Ilustres laico, de acceso público e que sexa o seu uso de titularidade publica.
Ano tras ano, temos que repetir esta situación, está anomalía histórica de ter que pedir permiso eclesiástico para poder acceder á tumba de Rosalía de Castro e lle traer flores, a un dos símbolos que acrisola aquilo que os galegos e galegas somos e soñamos ser; mais tamén de lle traer o noso afecto ao corpo mortal que aquí xace, humano.
Neste acto cívico de hoxe querémonos reafirmar ‑como fixemos hai sete anos ao celebrar o aniversario do traslado do seu corpo mortal a este lugar‑ na nosa condición de galegos e galegas conscientes. Hoxe apelamos con orgullo á súa figura.
Por toda a Galiza se celebran ao longo dos próximos días actos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, ademais de propor a toda a sociedade, a todas as xentes de noso, que agasalle un libro en galego e unha flor. Na grande parte dos centros educativos celébranse actos, xa se comezaron a celebrar lecturas, concursos de videopoemas, autogravacións individuais, pequenas obras teatrais e todo o que o fermoso maxín creador que habita nos nosos escolares, coma nos anos anteriores.
Perto xa de sesenta concellos aprobaron en pleno o día de 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, e as deputacións provinciais de Lugo e a Coruña. Agardamos que pronto tamén sexa declarado polo Parlamento galego, ademais de xa formar parte do calendario do Libro e da Lectura da Consellería de Cultura.
Cada vez máis sectores da nosa sociedade se incorporan e nos convida a dicir alta e clara a mensaxe da nosa poeta nacional. Mensaxe que segue a estar vixente. A que asumiu como propia a voz das clases populares de noso, que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento liberador, como muller, como galega.
Rosalía, dende a soidade intransferible da súa experiencia poética, fai arder na súa obra a súa vida na chama da experiencia propia e colectiva de se pensar como parte do destino deste pobo, que cada día nace da ledicia e da dor.
Neste tempo de posverdade, é dicir, de enunciar sen pudor as máis obscenas mentiras para negar elementais dereitos humanos, precisamos da capacidade creadora de Rosalía de Castro. Creadora de futuro para a nosa mocidade.
A mocidade que deberá asumir os labores que nos garden da sobreexposición a procesos de asimilación cultural. Precisamos dunha mocidade que siga creando dende a súa propia contemporaneidade, asimilando e transformando en cultura galega todas as influencias da cultura universal. Para isto, a figura dunha poeta coma Rosalía de Castro é referencial e determinante, para nos mostrar o noso rostro, a imaxe non deturpada de nós propios.
Cando ollamos outros pobos, outras culturas, e como precisaron de xeracións para escribir o relato fundador da súa historia que sustentara os alicerces da súa identidade, ela, Rosalía, soia e sen arrimo, foi capaz de construír o relato fundador de todo un pobo. Deste anaco da humanidade que somos os galegos.
A obra de Rosalía de Castro fai iso: dános, aos galegos e galegas, un nome e rescátanos do anonimato da historia. Fainos visíbeis nun contexto construído por xeracións e xeracións. Intégranos como protagonistas na narración da nosa propia historia.
Celebramos que o aeroporto da capital da Galiza, leve o nome da nosa poeta nacional e felicitamos á corporación municipal do Concello de Compostela pola súa unanimidade arredor da nosa Poeta. Agardamos de todos os grupos políticos no Parlamento galego esa mesma unanimidade que ela convoca, para que demanden do Goberno galego o acceso e a apertura permanente desta casa común de todas as galegas e galegos.
Rosalía De Castro foi traída a Bonaval pola sociedade galega consciente daquel tempo, e será a conciencia do pobo galego quen a redimirá deste inhumano desterro interior.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Bonaval, 19 de febreiro de 2017″