Entrevista a Francisco Pillado en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Exercendo a súa actividade cultural tivo algún problema deste tipo?
– Francisco Pillado (FP): Dalgunha maneira. Por exemplo, eu a primeira carreira que fixen foi Maxisterio, porque eu escoitaba dicirlle a meu avó: “A Guerra Civil foi unha guerra de curas contra mestres”, era unha cousa que se dicía naqueles anos. Por iso eu tiña mitificado aos mestres. Porque isto parece unha fábula, pero eran anos moi condicionados polo silencio.
– SG: A súa gran paixón foi o teatro.
– FP: Si, o teatro e a música. A min encántame o teatro, pero tamén estudei moitos anos piano, e para min foi unha gran paixón, facía concertos na casa que tiñamos en Oleiros. O que pasa é que deixei o tabaco por prescripción médica, e empezaron a darme alerxias e tiven que deixar o piano.
– SG: E como ve a escena teatral galega de hoxe?
– FP: Eu creo que o teatro está moi mal, pero non só a nivel galego, tamén a nivel xeral. Eu doei a miña biblioteca de teatro á Universidade da Coruña, e merco xornais, programas e todo o que se publique para ir enriquecendo esa biblioteca. Pois hai meses en que non hai teatro na Coruña practicamente. E os xornais non falan do que non existe. Desde logo a televisión foi decisiva, nese sentido, para o meu ver. De feito, na Coruña é moi raro que haxa cine xa, xa non digo teatro. E agora se queres en DVD podes ver a película que che dea a gana.
– SG: Tamén foi editor moitos anos.
– FP: Si, dirixín Laiovento, fun fundador tamén. E era un momento moi complicado. Hoxe hai unha normativa de consenso pero naqueles anos non existía, eu apostaba polo reintegracionismo, porque era máis internacional. E na editorial puxen como condición que publicaramos sen ter en conta a normativa oficial, esa foi unha das cousas polas que se estivo acosando a Laiovento. Porque alí primaba a calidade, non a normativa. Iso marcouno todo. Logo teño que recoñecer que co paso do tempo custoume moito manter a editorial. Foi a razón pola que a deixei. Aínda hoxe se non presentas un libro non ten repercusión mediática. Entón tiñamos que percorrer moitos lugares de Galiza, e a min costábame moitos cartos. Entón claro, se non gañaba e aínda por riba tiña que poñer cartos… Esa foi a razón pola que o deixei.
– SG: Non o vexo moi optimista en cuestións culturais.
– FP: Son optimista, muller, pero eu falo dese momento histórico. Eu aposto sempre polos partidos renovadores, eu non podo apostar por partidos fundados por ministros de Franco. Eu sempre digo que os avós xa temos que loitar pensando nos nosos netos. O noso labor é comprometernos para que eles vivan nun mundo mellor que o noso. (…)”