Entrevista de M. Obelleiro e Cilia Torna a Felipe Senén en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Até que punto podemos considerar a obra de Castelao como unha autentica crónica da Galiza da primeira metade do século XX e un auténtico fresco social do país?
– Felipe Senén (FS): Así é, e algo máis que iso. A obra creativa está fundamentada nunha ética e estética comprometidas. É arte militante, que seduce, sensibiliza e chega á xente a través dos medios, especialmente da imprenta, dos xornais. Para iso está cavilada, para reproducir e espallar. O resultado é fondamente nacionalista galego, a un tempo que moi dentro das ópticas modernistas, as de buscar a orixinalidade nas mesmas orixes, namentres outros se perdían no desenguedello orientalista e noutros ismos e movidas. E o asunto é facer o que se fixo, dignificando, fuxindo das tendencias folcloristas, “colonizadoras” ao esperpento, desde ese paso que teorizaba como “da arte dos canteiros construír o Pórtico da Gloria”. A nosa achega á universalidade. “Galiza célula de universalidade” era a paráfrase coa que se encetaba o Estatuto de Autonomía do 36. (…)
– SG: Vostede ten afirmado que Castelao non é un artista ao uso, a que se refire vostede con esta reflexión?
– FS: Castelao é un galego con ciencia e conciencia, con corazón e con razón, que abre e retoma camiños iniciados por Rosalía ou Murguía, faino no xeito de ser e desde un dandismo modernista, na novela, no teatro, na arqueoloxía e na etnografía, en todas as formas da arte capaces de seriarse… e, conseguintemente, na política que implica todas relacións. Castelao era un humanista integral e indicou que o nacionalismo galego era ese humanismo que implica homes e mulleres de onte e de agora, a relación da paisanaxe coa paisaxe… E toda a súa obra ten un fondo contido didáctico, eis a súas doses de sedución, algo que cómpre saber contextualizar na súa terra e no seu tempo, alicerce pois de futuro, como el fixo. Non hai un paso adiante sen o referente do paso xa dado atrás. (…)”