Desde A Sega:
“Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.”