Pechado por demolición, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Pasamos a vida mudando. En canto ao externo, mudamos de casa, de cuarto, deambulamos, facémonos nómades. Pero tamén o pelo, as esporas da pel, as súas escamas, os nosos tecidos van quedando ciscados polos lugares que transitamos. No interior tamén hai unha muda constante, natural ou obrigadamente circunstancial. O choque directo do emocional contra a nosa casca fai fenda e, inevitablemente, sofre o de adentro. O entullo, ese material de refugallo, os cascallos desa muda, desa demolición, vén sendo a pegada do que ten cambiado, os restos do naufraxio e os descartes.
Di Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) neste seu primeiro libro, Entullo, gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016, que pasamos a vida en dinámicas corporais e mentais de derrubo e reconstrución. Se cadra corpo e mente pasan por estas páxinas en evolución constante, como sempre adoitamos estar (foi Mozart quen cualificou de perfecto o inacabado?, tanto ten, o inacabado sempre tende a querer axeitar a súa incompletitude e morre no intento de acadar esa perfección. Mentres, a ruína reformúlase como abrollo e abrimos novas vías).
A humanización da casa como metáfora do paso desvastador do tempo, ten sido xa obxecto dunha boa chea de versos; de feito, a casa habitable, viva, agoniante ou vouga, é un dos tótems da literatura galega de todos os tempos. Pero até o de agora ninguén optara pola cousificación edificable da pel para falar dos procesos emocionais de desgaste, abandono, ruína e proxección de nova planta e é Lorena Conde quen deseña en Entullo un plano de obra case teatralizado e propón unha edificación viva e un entorno urbanístico móbil, expansivo e depresivo, respirante, no que encerrarse a procurar unha sanación. (…)”