Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A literatura é, tamén, un síntoma da historia. As marcas da febre xerada polos acontecementos. O rexistro inconsciente, ou non, do conflito político. Traballos perdidos da linguaxe. Todos estes factores, e outros moitos, confluíron hai 40 anos en Dos anxos e dos mortos, a primeira novela de Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952- A Coruña, 2008) e unha das novelas chave da transición ao posfranquismo en Galiza.
“Foi unha novela viva, construída coas vivencias cotiás. Anxo líanos fragmentos cando estabamos de tazas por Santiago”. Quen fai memoria é Marcelino de Santiago, Kukas, dramaturgo hoxe popular polo seu traballo con monicreques e, na década dos 70, integrante con Rei Ballesteros do Fato de Oniristas Galegos. Este “variopinto” grupo de artistas procuraban, sobre todo, que “a vida e a arte non estivesen separadas”.
As convulsións sociopolíticas -a ditadura esboroábase- e a iniciación a unha existencia liberada conforman o pano de fondo de Dos anxos e dos mortos. Obra de protagonismo mozo e colectivo e con vontade de ruptura estética, escrita por un anarquista confeso, era, considera Kukas, “un froito máis naquela festa cultural e ideolóxica”. Malia a violencia ambiental da época, as lembranzas reconstrúen un tempo vizoso, intenso, de caos e descubrimentos. Diso trata, tamén, a novela.
“Anxo Rei abriu a literatura galega a novas formas de pensamento prosístico e axudou a que acordase de certo letargo histórico”, considera Roberto Abuín, editor do ensaio póstumo A presenza dunha ausencia (2013) no seu selo Axóuxere, “causado non só polo franquismo senón tamén por tendencias críticas e literarias esencialistas”. Como Kukas, que cualifica de “explosión tremenda” a aparición de Dos anxos e dos mortos nunha paisaxe dominada por Cunqueiro ou por relatos curtos derivados da prosa de Castelao, Abuín salienta que Rei Ballesteros “sen ser excesivamente asertivo, si quixo fracturar a literatura galega”. É o que denomina “radicalismo discreto” do autor. (…)”