Desde La Voz de Galicia:
“Muriel, con esas ilustracións tan especiais de Lucía Cobo, con esas páxinas dondas de pasar, é unha desas obras para ler mainiño de noite, antes de durmir, antes de soñar, sendo un neno ou non tan neno. Muriel é a obra coa que María Canosa (Cee, 1978) gañou este ano o Premio Merlín, convocado por Xerais, na categoría de literatura infantil. Xa está na rúa, xa se pode mercar a primeira edición, dende este mes de outubro. (…)
«A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca (…)». Así se presenta unha para explorar, desas que teñen un arrecendo especial. O libro leva, ademais, unha dedicatoria especial: «Para Ana, bolboreta de luz». Algo máis de 180 páxinas, e catorce capítulos, para soñar.”