Desde Galaxia:
“A última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). (…)”