Compostela: actividades do 14 de xuño na SELIC 2023

Marcos Calveiro gaña o Premio San Clemente 2018

Desde Galaxia:
“A última novela de Marcos Calveiro, O xardineiro dos ingleses, que xa fora recoñecida co Premio de Novela Manuel García Barros no 2017, foi merecedora hoxe do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIV edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas La uruguaya de Pedro Mairal, na categoría en español, e A vexetariana de Han Kang, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint Français Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”

Xosé Monteagudo gaña o Premio San Clemente 2017

Desde Galaxia:
“A última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). (…)”

Coñécense os finalistas do XX Premio Arcebispo San Clemente

Desde La Voz de Galicia:
Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras; A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa; e Costa do Solpor, de Xosé María Lema, son as tres obras finalistas en lingua galega da vixésima edición do premio Arcebispo San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago. (…)
O fallo será decidido por un xurado integrado por estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago, e doutros catro institutos galegos (un por provincia), que se elixirán por sorteo, segundo anunciouse na presentación das narrativas finalistas. O fallo prevese que se dará a coñecer en xuño, no instituto compostelán.”

Santiago: acto literario no 25 aniversario de Polaroid, de Suso de Toro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.