Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No escritorio de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) hai dous libros no medio do camiño, unha novela e unha comedia teatral “de enredo”. Outro máis, un ensaio, talvez nunca acabe de nacer. “Xa non creo que o escriba”, confesa. Título si tiña: Cómo intenté ser español y no me dejaron. Porque De Toro busca agora “o gozo de escribir unha historia”. Desa paixón alegre xurdiu Fóra de si (Xerais, 2018), a historia do neurocirurxián Ricardo Marzoa coa que, orgulloso, se desdí. Hai oito anos anunciara o seu abandono da literatura. “Recuperei a fe”, explica. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 284.
– Sermos Galiza (SG): En Fóra de si, como noutras obras súas, hai un axuste de contas. A literatura como axuste de contas?
– Suso de Toro (SdT): Si, porque, que significa un axuste de contas? Ir ao pasado resolver algo. O axuste de contas significa que alguén decide mirar atrás e ir ao pasado solucionar algo que estaba sen solucionar. E iso é o que fan os personaxes dos meus libros. Xa en Land Rover, que é unha novela escrita no ano 87, publicada creo que no 88. Pero en case todos os meus libros hai protagonistas que viaxan ao pasado para solucionar problemas que estaban non ocultos pero si arrombados, ou sepultados, ou mal enterrados.
– SG: Os anos en que estivo sen publicar novela…
– SdT: Saquei aquel libriño de Somnámbulos, en que aparece un psicanalista que volve aparecer en Fóra de si.
– SG: …foron os anos da gran crise do neoliberalismo. Percíbese na literatura galega?
– SdT: Sabes que pasa? Que non leo literatura, nin galega nin non galega. Raramente. Leo libros soltos en función dun tema que me interesa nese intre. A xente non o entende e cre que é por soberbia ou menosprezo, e non é o caso. Se te ves obrigado pola profesión, ou porque es un puramente un lector e non desencadeas un proceso creativo, podes seguir a actualidade. Pero se non, non. Eu non a sigo. Non hai que mirar para os lados. Ao principio é inevitábel: cando encetas un camiño tes que estabelecer o valor do que fas e comparalo co mundo real. E o mundo real ao principio é un mundo moi doméstico. É inevitábel ler os coetáneos. Pero logo non hai que facelo, entre outras cousas porque son demasiado parecidos a ti, porque o espírito da época é semellante. É desconcertante, e faiche dubidar da túa orixinalidade. Eu tiven fortuna de estabelecer unhas referencias moi altas, grazas a don Benito Varela Jácome. Afacerte a admirar é fundamental. O autor que non o faga non poderá emular, para construírse como autor. Se só te move a envexa dos veciños, non vas emular. Trátase de non mirar os veciños, senón o que admiras e intentar emular as súas proezas cos teus desafíos. Nese sentido fun a por todas. Por iso nunca me vin como autor galego. Eu son autor. Eu quero ser un autor en serio e o meu problema é que vou ficar limitado polos condicionamentos históricos da miña lingua. Estou fodido.”