Entrevista de Ramón Loureiro a Antón Cortizas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Bota de menos o ensino?
– Antón Cortizas (AC): Eu non diría que boto de menos o ensino, porque o certo é que me sigo considerando un ensinante. Sigo aí. Esa foi a miña vocación, foi o camiño que elixín na vida, e dese camiño non me desviei. Pero o que si boto de menos é a rapazada. Para min, encontrarme pola rúa con antigos alumnos meus, e que me falen e me conten como lles vai e que é o que están facendo agora, é unha gran felicidade.
– LVG: Para vostede nunca foi difícil traballar cos alumnos.
– AC: Nunca. Xamais. É que, mira, para ensinar tes que ter moi claro que é o que estás facendo. As cousas nunca pasan porque si. Se a ti un rapaz se che comporta mal en clase, o primeiro que tes que pensar é que se un alumno ten un compartamento dese tipo é porque na súa vida hai algo que o leva a comportarse así. Os nenos nunca son culpables, porque eles non elixen a súa vida. Teñen a vida que lles damos os adultos. Non son responsables das súas circunstancias. Os rapaces reproducen o que acontece arredor deles. Non hai nenos malos, iso non existe. E precisamente por iso a responsabilidade é sempre nosa. Se te dedicas ao ensino, unha das túas obrigas é facer canto estea na túa man para lograr que o mundo dos rapaces sexa un mundo mellor. Porque, no fon, o importante, o verdadeiramente importante, é o que nos fai mellores persoas. E moitas veces non é tan importante o que sabes, como que de verdade saibas contalo.
– LVG: Vostede é un namorado do libro como obxecto, do libro de tinta e de papel. ¿Que opina do auxe das novas tecnoloxías?
– AC: Evidentemente, as novas tecnoloxías son unha ferramenta utilísima. Ofrecen mil posibilidades. Pero, ¡ollo!, deberiamos recordar que só son iso: ferramentas. Non outra cousa. Non podemos estar todo o día pegados a unha pantalla. A vida non está aí. Eu penso que a nosa sociedade xa está sendo demasiado dependente das pantallas, e iso vai traer problemas graves. Iso xa está aí. Parece que hai xente que non se dá conta de que se apagas o móbil non ocorre absolutamente nada. E iso é algo que me preocupa moito máis, aínda, se falamos dos nenos e da relación que na súa maioría teñen cos seus teléfonos.
– LVG: ¿Está todo dito en materia de educación?
– AC: ¡Non, non…! Por suposto que non. Nin moitísimo menos. A educación ten que estar evolucionando sen parar. E sempre haberá cousas novas. Pero insisto: o obxectivo ten que ser sempre que melloremos como persoas.”