Montse Pena Presas: “Gustaríame pensar que María Victoria Moreno me contaxiou algo da súa rebeldía, esa marca insurrecta”

Entrevista a Montse Pena Presas en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Do teu libro da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano transpírase unha fonda paixón. Cando comezaches a admirar a María Victoria? Que che parece que por fin se lle dedicasen as Letras?
– Montse Pena Presas (MP): Supoño que esa paixón é froito, en xeral, do meu amor polos libros. Aínda así, eu fun unha das tantas lectoras adolescentes de Anagnórise e coido que de nena tamén lera A festa no faiado. Logo perdinlle un pouco a pista á autora ata que, cando escribín a miña tese (que se centra na influencia do feminismo na LIX), volvín sobre a súa novela xuvenil e puiden comprobar que, realmente, seguía sendo de moitísima actualidade. Por isto, e porque MVM foi todo o que unha persoa pode facer en relación á literatura (escritora, tradutora, libreira, editora, conferenciante e profesora) creo que ben merecidas son estas Letras.
– L: Como foi o proceso de recompilación de documentación para este libro?
– MP: Preocupábame moito saber como pensaba, como falaba, que lle interesaba, a que dedicaba os seus escasos momentos de lecer. Por iso tentei acudir moito á hemeroteca, á familia, os amigos e amigas que a coñeceron… A abordaxe da obra inquietábame menos, porque tiña máis ou menos claro o que quería resaltar, xa que coñecía moito mellor á MVM autora que a MVM persoa. (…)
– L: Es amplamente recoñecida por ser crítica sobre todo de literatura infantil e xuvenil galega. Poderías realizar unha radiografía dela?
– MP: É imposible radiografiar con precisión un eido tan vizoso nun espazo limitado, pero aínda así, direi que coido que é un momento inmellorable, tanto no que se refire ao texto como na ilustración. Cada vez hai máis autoras e autores que publican fóra das nosas fronteiras, os ilustradores e ilustradoras continúan experimentando coas formas e hai un público lector fiel máis alá do ensino. Pola contra, necesitariamos unha maior variedade editorial e, dende logo, máis espazos para a súa divulgación e visibilización que axude a que non sexamos unha literatura gueto, unha literatura tan só para uns poucos. (…)”