Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pedinche luz prestada, o segundo poemario de Marica Campo, gaña no 2000 o I Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Este certame nace grazas á Asociación Cultural Ergueitos e ao Concello de Sarria nun momento no que os premios eran necesarios para normalizar e fortalecer o noso sistema literario ademais de darlle visibilidade á producción poética que se estaba a facer no momento. Inaugura, desta forma, un premio que durante dezaoito anos abriu novos camiños a diferentes voces, que publicaron os seus libros de poemas na editorial Espiral Maior, e asenta unha plataforma na que a poesía ten unha voz central no panorama literario galego.
O libro recolle trinta e tres sonetos de ton petrarquista nos que a autora nos vai sorprender. Non é casual a escolla desta métrica. Tampouco a da brevidade deste cancioneiro amoroso de corte clásico.
A expresión rítmica, de concisión lapidaria, que usa a autora xa nos guía cara un valado no que delimitar o espazo e encarcerar o tema do amor. Os dous cuartetos e os dous tercetos nos que se presenta unha situación, desenvolvemento e final limitan até o celme a sentimentalidade para poñer o foco na necesidade de esconxurar xa “que preciso saír e respirar” (páx. 77). “Sílabas computadas e ritmos prefixados para conter a desmesura e convertela na palabra xusta“, como afirma Pilar Pallarés no prólogo.
O eu feminino contrasta coa seriedade da composición e, cun uso da linguaxe sorprendente, procura todos os ti para conformar un nós no que reivindicar as diferentes voces que integran a xeanoloxía na que afirmar o sentir propio. (…)”